Site icon Crónica3.com A Mariña

Os 400 alumnos do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo disporán dun novo espazo de lecer cuberto grazas ao Goberno da Deputación

Lugo, 27 de agosto de 2018. O Goberno da Deputación dotará ao CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, o único centro público deste municipio mariñán, dunha nova cuberta no patio, dende a entrada ao recinto ata as edificacións, cunha achega de 13.000 euros. Así o avanzou o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, quen subliñou que “con esta axuda damos resposta a unha demanda da directiva do centro e da Asociación de Nais e Pais, permitindo que as nenas e nenos do colexio dispoñan dunha nova zona de xogo cuberta, ademais de protexer da choiva para acceder ás aulas, posto que actualmente hai un patio sen ningún tipo de recubrimento”.

O CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo conta actualmente con 400 alumnos de Educación Infantil e Primaria. A obra permitirá que o centro dispoña dun paso peonil cuberto dende a porta de acceso ata o porche de entrada ao edificio principal. Esta instalación estará composta por unha estrutura metálica con 5 pórticos, que sustentará unha cuberta formada por chapas cegas e translúcidas para conseguir iluminación natural, contando cunha altura mínima de 2,20 metros e un ancho de 5,40 metros.

Estes traballos, que financia o Executivo Provincial, permitirán ao mesmo tempo que o centro conte cun novo espazo cuberto para uso do alumnado de infantil no tempo de lecer, servindo de lugar de recreo cando as circunstancias meteorolóxicas impidan o desenvolvemento de actividades ao aire libre.

Exit mobile version