Site icon Crónica3.com A Mariña

Os sindicatos solicitan á Deputación a integración dos traballadores e a disolución de SUPLUSA

Lugo, 9 de agosto de 2018. Os sindicatos solicitan á Deputación de Lugo a integración dos traballadores da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), así como a súa disolución. Así o avanzaron as centrais sindicais nun encontro mantido co Goberno da Deputación este xoves á petición dos propios sindicatos para abordar a problemática situación xurdida logo do retraso nos pagos por parte da Sociedade Mercantil aos seus traballadores.

No encontro, o Executivo expúxolle ás centrais sindicais que a problemática dos impagos era unicamente responsabilidade de SUPLUSA, e que os traballadores sempre puideron cobrar, tal e como finalmente aconteceu. Lembrar que o Goberno da Deputación ordenou, ata en 3 ocasións, o pago das nóminas atrasadas aos 29 traballadores de SUPLUSA, orde que finalmente acatou escollendo unha das vías que se propoñían en varios informes técnicos provinciais que lle foron remitidos.

Durante a reunión, o Executivo da Deputación avanzoulles que o Goberno Provincial está a elaborar un documento de disolución, logo dos encontros mantidos co Partido Popular, que conte con todas as garantías xurídicas para a disolución da Sociedade e a posible integración dos traballadores do xeito máis rápido, tal e como acontece coa TIC.

Exposta esta situación, os sindicatos da Deputación de Lugo apostaron tamén pola integración dos traballadores e a disolución da Sociedade Urbanística Provincial.

Valoración do Goberno
A Deputada Provincial, Pilar García Porto, valorou este primeiro encontro cos representantes sindicais “moi positivo” e explicou que “reunímonos con eles para escoitar as necesidade dos traballadores de SUPLUSA e trasladarlle o compromiso deste Goberno coa súa situación laboral. Hoxe avanzámoslle o documento que dende o Goberno da Deputación estamos a elaborar para realizar dita disolución con todas as garantías xurídicas e con rapidez, e do que esperamos que participe tamén o Partido Popular”.

“Os sindicatos e, polo tanto os traballadores, apostan, como así o leva defendido este Goberno da Deputación durante meses, pola disolución da Sociedade Urbanística Provincial, para evitar que estes profesionais volvan a verse prexudicados pola mala xestión do Presidente de SUPLUSA”, apuntou.

A Deputada lembrou que “a principal preocupación deste Goberno da Deputación son os dereitos dos traballadores, por iso lle ofrecemos á SUPLUSA a vía que debían seguir para abonar as nóminas, feito que finalmente aconteceu, demostrándose que os pagos dependían exclusivamente da Sociedade Urbanística Provincial”.

Exit mobile version