Alfonso Fuente declarou que “en Barreiros vimos de recibir a un grupo de rapaces, 65 rapaces e rapazas, que chegan dende o concello de Teo, un concello a carón de Santiago, e que veñen a pasar aquí desde o día 1 ata o 11 de agosto. Isto enmárcase dentro dun programa que ten o Concello de Teo, Un Verán no Cantábrico, e despois do día 11 virá outro grupo tamén deste municipio incluso máis numeroso. Hoxe recibimos a este grupo, indicámoslles o que é o noso concello, e estamos encantados de recibilos”.
O alcalde de Barreiros subliñou que “nós apostamos por este tipo de campamentos despois de ter acondicionado o que eran as vivendas dos mestres no colexio de San Miguel. Teñen alí unhas instalacións perfectas para facer este tipo de campamentos”.
Fuente Parga engadiu que “se sumamos este campamento que hoxe recibíamos de Teo co que despedíamos fai uns días de Xixón con 35 rapaces máis os que van vir na segunda quincena de agosto, e iso sumado tamén aos 160 nenos do campamento da Devesa que están baixando e participando en actividades nas praias de Barreiros, é unha forma tamén de fomentar o turismo. Cando os nenos e nenas están aquí os pais deciden achegarse a estas zonas onde están os seus fillos e coñecer o Cantábrico e, neste caso, Barreiros e toda a Mariña lucense”.