Site icon Crónica3.com A Mariña

Un total de 405 parcelas seguen a incumprir a lei de incendios de Galicia en Ribadeo. O Concello inicia o envío de novas notificacións

Ribadeo, 10 de agosto de 2018. Un total de 405 parcelas seguen a incumprir a lei de incendios de Galicia en Ribadeo, a pesares do bando editado polo Concello no mes de outubro do ano pasado e das 700 notificacións enviadas aos propietarios destes solares en febreiro de 2018. Os datos deunos a coñecer hoxe o alcalde, Fernando Suárez, que estivo acompañado polo técnico de Medio Ambiente, Jaime Pérez, e pola concelleira de Sostibilidade Ambiental, Paz Ermida. O Concello comeza a remitir no día de hoxe novos requerimentos. Segundo o rexedor “trátase da última medida de graza, antes de pasar ás execucións subsidiarias”. Fernando Suárez subliñou que “os eucaliptos non poden chegar ás portas das casas”.
O rexedor dixo que “continuamos con esta estratexia que nos marcamos hai uns meses, sabendo o problema que ten este país coa situación de falta de regulación e de adaptación ás normativas que están vixentes desde hai anos en materia de protección contra incendios”.
Suárez Barcia lembrou que “neste Concello de Ribadeo en outubro do 2017, xa logo vai para un ano, fixemos un bando que distribuímos por todas as parroquias e por todos os núcleos e tan só unha persoa nos fixo caso. Hai que ter en conta que en febreiro deste ano iniciamos unha notificación masiva, despois dun traballo magnífico feito polos técnicos municipais, aos 567 propietarios de máis de 700 parcelas, que non estaban cumprindo o disposto na Lei de Incendios de Galicia, que leva máis de dez anos en vigor”.
Na súa comparecencia de hoxe o alcalde ribadense seguiu a relatar que “en xuño deste ano, hai dous meses, contratamos os servizos dun helicóptero para facer un voo co obxectivo de determinar todas aquelas parcelas que unha vez concluído o mes de maio, que é cando finalizaba o período que a lei contempla para que todos os propietarios teñan as súas parcelas adaptadas a esta lei, estiveran feitas. Con todo ese traballo que se fixo co voo aéreo estivemos ata o día de hoxe, cando xa temos o resultado e témolo acreditado en que practicamente o 40 por cento fixo caso dos requirimentos e o outro 60 por cento aínda a día de hoxe, ou polo menos no día do voo dese helicóptero en xuño, non fixo caso”.
Fernando Suárez subliñou que “polo tanto agora, en agosto de 2018, temos identificadas 405 parcelas irregulares, que seguen sen cumprir a Lei de Incendios de Galicia no solo rústico ou a ordenanza municipal no ámbito do solo urbano. Polo tanto aos propietarios destas 405 parcelas vamos notificarlles a partir de hoxe. Hai unha parte significativa delas que xa van ir directamente ao Boletín Oficial do Estado (BOE), unhas 113, porque descoñecemos os datos para notificar aos seus propietarios. E as 294 parcelas restantes irán notificadas aos seus propietarios”.
O rexedor indicou que “o que estamos a facer agora é unha última medida de graza, que contempla a lei, que é que a partir da recepción desta notificación os propietarios terán 15 días para executar os traballos de limpeza, de desbroce e de corta dos eucaliptos que se atopan nas franxas de protección, que a lei establece que teñen que estar limpas para evitar que os lumes cheguen ás casas no caso de infortunio dun incendio forestal. A partir de que este prazo expire, se non o fan é cando desde o Concello de Ribadeo podemos iniciar os trámites de execución subsidiaria sen prexuízo do expediente sancionador que, segundo a lei, tramitará a Xunta de Galicia, para o cal lle vamos trasladar toda esta información”.
Suárez Barcia engadiu que “ao mesmo tempo teño que dicir que se desde o Concello chegamos a facer as execucións subsidiarias pasarémoslles posteriormente o custo aos propietarios, tanto da execución subsidiaria como dos gastos previos, como a parte proporcional do custe do voo aéreo que tivemos que facer, etcétera”.
O alcalde fixo unha petición moi clara aos afectados e afectadas: “olo tanto, unha petición, e dicímolo en letras maiúsculas e con prudencia pero con firmeza: aos propietarios e as propietarias de montes que aínda non cumpriron a Lei de Incendios de Galicia, por favor non nos obriguen a facer execucións subsidiarias, porque se o temos que facer que non lle caiba dúbida a ninguén que desde o goberno municipal ímolo facer e vamos ir ata o final, porque xa vemos como empeza a haber lumes forestais por aí adiante e logo non queremos que daqueles polbos estes lodos, non queremos que haxa choros, non queremos que haxa despois denuncias por falta de coordinación, de medios nin tarabelos de gaita. O que queremos é que todo o mundo cumpra as súas responsabilidades e os propietarios teñen unha lei desde hai máis de dez anos que di que teñen que ter cumpridos estes requirimentos e os eucaliptos non poden chegar ás portas das casas”.

Exit mobile version