Site icon Crónica3.com A Mariña

VIII Xornadas Memoria dun tempo

Mañón 18-8-18. Ao longo destes anos as Xornadas achegaron ao Barqueiro aqueles puntos de vista que foron silenciados por unha historia única creada por un poder concreto, o franquismo.

Agora, nesta oitava edición, as xornadas seguen afondando no importante das historias, en plural, fixándose en quen as conta, cando e como.

As VIII Xornadas “Memoria dun Tempo” achéganse ao mundo rural, ás políticas que afectaron á nosa terra e ás nosas xentes durante os anos da dictadura. A programación destas xornadas chega á xénese de certas realidades que podemos atopar hoxe en día no rural. E con todo isto, pretenden visualizar un panorama singular repleto de complexidades que precisan ser explicadas.

O xoves 23 ás 20:00h. proxectarase o documental “Asolagados” (2013) do director David Vázquez. O documental, cun guión de Afonso Eiré (escritor), recolle os relatos daquelas persoas que viviron a construcción do encoro de Belesar e sufriron as consecuencias da subida das augas. O director achegarase ata o Salón de Actos do Concello de Mañón, no Barqueiro, para falar co público sobre a gravación das imaxes daquelas aldeas que quedaron asolagadas no 1963 e ao aire no 2011.

Coa charla “Políticas para a modernización do rural galego durante o franquismo” do venres 24, preténdese dar o contexto que explique actuacións como a do encoro de Belesar en 1963. Así, a historiadora Alba Díaz Geada (USC) pretende reflexionar co público sobre a mudanza complexa que viviu a sociedade rural galega durante a dictadura. A súa charla prestará especial atención ás distintas políticas agrarias despregadas (reforestación forzada do comunal, accións de concentración parcelaria, o fomento da especialización leiteira ou a labor do Servicio de Extensión Agraria) e como foron implementadas sobre o terreo, dando paso á individualización nun mundo en común.

O sábado será a ” VI Homenaxe a republicanxs e libertarios”, na Ponte Vella do Barqueiro, ás 12:00h. Convidámosvos a asistir e compartir palabras, xestos, flores e/ou silencios que recordan o motivo polo cal comezaron as Xornadas “Memoria dun Tempo”. Convidámosvos a darlle pulos a unha acción que semella, pouco a pouco e xunto con outras a nivel estatal, devolver a luz a quen estivo nas tebras.

Exit mobile version