Site icon Crónica3.com A Mariña

XV Torneo Internacional de volei praia da Pasada (Barreiros)

Barreiros 15-8-18. A XV edición do Torneo Internacional de volei praia da Pasada chega o próximo venres, día 17 de agosto, coa emoción de sempre e con importantes novidades.
A cita, prevista para as 11,30 da mañá do venres, contará como sempre co aliciente de poder ver a grandes figuras como a parella vencedora das dúas últimas edicións, formada por Carmen Souto e Guillermo Avendaño, e que están a realizar un traballo eminentemente físico no veciño concello de Ribadeo, co obxectivo de poder defender o seu trono con garantías. Non o terán fácil, posto que a preparación dalgúns dos aspirantes está sendo tamén moi intensa, con dobre sesión case que todos os días. Trátase de nomes xa contrastados como os Lacasta, os Tugas, Jose Abanda, Paloma Remior, Mireia Oteros, Rodrigo Avendaño… que pularán forte para dar, por fin, ese paso que lles permita chegar a impoñerse no torneo barreirense. Como ven sendo habitual nos últimos anos, o grande anhelo da afección será o de poder asistir á reunión da parella Reigosa-Casas, que tras perder peso nos últimos tempos, porían o morbo no campionato, á espera de ver se serían capaces de reeditar aquelas grandes glorias, que aínda humidecen os ollos dos afeccionados/as máis veteranos/as cada vez que as evocan. Aínda que semella pouco probable, haberá que agardar até o venres para saír de dúbidas pero, se se reuniron os de Operación Triunfo 1 e os de Un Paso Adelante, por qué non eles?
Convídase, pois, a calquera persoa que queira participar ou presenciar o campionato a persoarse na Praia da Pasada de San Miguel de Reinante (Barreiros) o venres 17 ás 11,30, para gozar dunha xornada de volei praia, que se prolongará durante todo o día e que culminará, como cada ano, nunha fraternal cea.

Exit mobile version