Site icon Crónica3.com A Mariña

“XXXII FEIRA DO LIBRO DE FOZ”

O vindeiro xoves, 16 do actual, inaugúrase a XXXII FEIRA DO LIBRO DE FOZ . Iniciábase en 1986 a exitosa andaina anual no eido da promoción da cultura, como é toda iniciativa dirixida a potenciar a lectura porque, como alguén dixo: “non é analfabeto o que non sabe ler, senon o que sabendo, non lé”. Nacía así o certame focego coa incertidume e as dúbidas de futuro; o temor non era infundado pois, localidades de maior entidade, non foron quen de mantelas, e algunhas sobreviven a trancas e barrancas, faltando a parte das convocatorias;non foi o caso de Foz: de contado, consolidouse para erixirse na mais prestixosa e lonxeva, das que se celebran en vilas e pequenas cidades da nosa terra, non faltando a una soa das citas.
Naquela inauguración fora o pregoeiro un xove Ramón Pernas, recoñecido escritor viveirés, á sazón director da Editorial Espasa Calpe e pronunciaran senllas conferencias Ramón Villares, entón Decano da Facultade de Historia de Santiago, e despois, ata pouco hai, presidente do Consello da Cultura e do que Alianza Editorial acababa de publicar a súa“Historia de Galicia”; Jorge Víctor Sueiro, redactor-xefe de TVE e gastrónomo, que falou da cociña galega; Isaac Díaz Pardo, entón director de Sargadelos, disertando sobre “Castelao e a Guerra Civil”;o xornalista e escritor don Xosé Trapero Pardo, tantos anos director de “El Progreso”, que falou do controvertido Mariscal Pedro Pardo de Cela.
A Feira de 1994 tivera de pregoeiro ó insigne escritor Xosé Neira Vilas, o autor do libro mais lido da literatura galega: “Memorias dun neno labrego”. Ao pouco chegounos carta súa na que, entre outras cousas, decía:”Volvin contento de Foz. Había moita xente na inauguración; firmei moitos libros e recibín moi cordiais atencións. Teño estado este ano en varias feiras e a de Foz foi a mais concurrida, mais incluso que as de Santiago e Ferrol, no acto da cerimonia inaugural. Libros sí firmo bastantes sempre; pero tendo en conta o volumen da vila e a poboación, en realidade foron moitos os que me puxeron diante. Todo, pois, moi alentador; moi estimulante, e quería decircho directamente. A experiencia resultou francamente fermosa”. Mais de 30 anos, sempre presente, é todo un record.¿E o futuro?. Coma sempre, unha incógnita…

Exit mobile version