Site icon Crónica3.com A Mariña

A 251.000 euros ascende o investimento a realizar nos accesos a varios núcleos das parroquias de Vilaselán, A Devesa, Covelas, Santalla e Couxela. O Concello ven de sacar a concurso estas obras

Ribadeo, 20 de setembro de 2018. O Concello ven de sacar a concurso un plan de mellora de accesos a varios núcleos das parroquias de Vilaselán, A Devesa, Covelas, Santalla e Couxela. O investimento ascenderá a 251.000 euros e as empresas interesadas dispoñen de 20 días naturais para presentar as súas ofertas. Con estes traballos, incluídos no Plan Único da Deputación, o alcalde, Fernando Suárez, subliña “o importante cambio que se lles dará ás parroquias ribadenses”.
O rexedor anunciou que “se publicou no perfil do contratante da páxina web do Concello de Ribadeo e na plataforma de contratos do Estado, unha licitación moi importante de obras, un contrato aberto no que ten que ver con este plan de mellora dos accesos a varios núcleos de parroquias do concello de Ribadeo, dentro do Plan Único que tratamos entre o Concello e a Deputación Provincial de Lugo”.
Fernando Suárez subliñou que “neste plan, que ascende a 251.700 euros, hai un prazo para que as empresas cualificadas e capacitadas poidan presentar as súas ofertas, de vinte días naturais que remata o día 5 de outubro. Todas estas empresas deben estar inscritas no rexistro oficial de licitadores e empresas clasificadas do Estado para poder participar nestes procedementos de selección”.
O alcalde ribadense explicou que “dividimos este contrato moi importante, moi ambicioso, en seis lotes. O primeiro deles é a mellora do acceso ao núcleo das Barreiras, en Vilaselán, por importe 12.400 euros; en segundo lugar o lote dos accesos ao núcleo de Campoxurado, en Vilaselán, por importe de 46.800 euros; en terceiro lugar a mellora dos accesos aos núcleos de Igrexa e Campana, na Devesa, por un total de 82.000 euros; o cuarto lote é a mellora dos accesos ao núcleo das Anzas, en Covelas, por importe de 33.000 euros; en quinto lugar está a mellora dos accesos ao núcleo de Vilaosende, en Santalla, por importe de 44.000 euros; e en sexto lugar a mellora dos accesos ao núcleo de Eirexe, en Couxela, por importe de 32.000 euros. En total son 251.000 euros e o prazo do contrato será dun mes para cada un destes lotes”.
Suárez Barcia dixo que “todas as empresas interesadas en participar neste procedemento poden estudar este expediente e presentar as súas ofertas dentro dos prazos legais para ver se neste outono, aproveitando este bo tempo que temos agora, se poden facer todas estas obras que lle van dar unha volta importante a moitas das parroquias do concello”.
O rexedor declarou que “estas obras están sendo tamén reforzadas con esta actuación, desde hai tantos anos pedida e por fin concedida por parte da Deputación de Lugo, destes viarios da Deputación que se están amañando, que falta lles facía sobre todo nas parroquias do interior. Ademais temos este complemento na mellora que fixo a Xunta, nestes días anteriores, na estrada Reme-Vilamar. Así, entre todos, estámoslle dando un cambio a Ribadeo moi importante, sobre todo no que ten que ver coas parroquias”.
Fernando Suárez engadiu que “para o goberno municipal de Ribadeo sempre foron moi importante as parroquias, que aínda sabendo que, a día de hoxe, o número de habitantes non é tan elevado como no ámbito urbano, non podemos esquecernos delas. Para nós Ribadeo sempre foi, sempre é e será vila e campo”.

Exit mobile version