Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería do Medio Rural mellorou 14 pasos de auga e 1,3 quilómetros de pistas en montes de Burela e Viveiro

Viveiro, 25 de setembro de 2018.- A Consellería do Medio Rural executou obras de mellora en 14 pasos de auga e varios tramos de pista en montes de Burela e de Viveiro, acometidas no marco dos traballos de prevención contra incendios.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Delegación Territorial investiu 20.400 euros nestes traballos.

En concreto, no monte de Burela arranxáronse cinco pasos de auga para evitar o deterioro das pistas. No concello de Viveiro, actuouse sobre 1,3 quilómetros de pistas e nove pasos de auga nos montes de Landrove, Galdo, San Pedro de Viveiro e Magazos.

Os traballos forman parte do conxunto de actuacións que leva a cabo a Consellería nos montes de titularidade privada -na súa maioría en man común- que son de xestión pública en virtude dun acordo subscrito polos propietarios coa Xunta.

O obxectivo, sinalou Balseiro, “é ordenar os bosques e dotalos de infraestruturas axeitadas que favorezan o aproveitamento por parte dos propietarios, impulsando explotacións forestais viables que se consoliden como alternativa de renda á agricultura”.

Exit mobile version