Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación promove a atención profesional de 10.000 lucenses con Alzheimer, achegando 50.000 euros a todos os colectivos da provincia

Lugo, 21 de setembro de 2018.A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, puxo en valor este venres, e coincidindo co Día Mundial do Alzheimer, o compromiso e colaboración do Goberno da Deputación cos 10.000 lucenses que sofren desta enfermidade neurodexenerativa, e que representan máis dun 3% da poboación da provincia. López Izquierdo avanzou que o Executivo colabora con todos os colectivos da provincia que atende a lucenses con alzheimer, así como ás súas familias, cunha achega de 50.000 euros, que permite a AFA-Chantada, AFA-Monforte, AFA-Viveiro e AFA-LU, que son os colectivos que ofrecen atención profesional tanto aos doentes, como ás súas familias.

A Deputada explicou “que aínda que os organismos provinciais non teñen as competencias nesta materia, dende este Goberno, dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, cremos que é necesario axudar ás miles de persoas que sofren esta enfermidade e ás súas familias. Por iso, sumamos esforzos con todos os colectivos implicados neste eido que hai na provincia e que prestan atención profesional a través de, por exemplo, terapias de estimulación cognitiva e psicomotriz, obradoiros de memoria ou mesmo asistencia ás familias”.

Neste senso, López Izquierdo subliñou a “necesidade de que as administracións públicas coas competencias na materia destinen máis fondos para a investigación científica sobre esta enfermidade, así como para mellorar e dignificar a calidade de vida dos doentes e das súas familias”.

“Hoxe, no Día Mundial do Alzheimer, queremos dar visibilidade aos colectivos implicados na atención das persoas con esta enfermidade, así como as súas familias, que en moitas ocasións son as grandes esquecidas; e concienciar á cidadanía sobre a importancia de coñecer esta doenzas, que todos podemos sufrir. Dende o Goberno da Deputación sumámonos a vosa causa porque tamén é a nosa”, engadiu.

Lembrou, ademais, que a Deputación ofrece a maiores da provincia talleres de memoria ou de estimulación cognitiva, entre outras actividades totalmente gratuíta, a través do In Lugo, que é o primeiro centro de innovación social de Galicia. Tamén presta Teleasistencia a custe cero e Servizo a Domicilio a persoas non dependentes da provincia, facendo que o investimento para impulsar o benestar no conxunto do territorio lugués represente un dos principais investimentos da institución.

López Izquierdo informou que a Deputación súmase aos actos conmemorativos no Día Mundial do Alzheimer, tinguindo de morado a fachada da sede do Pazo de San Marcos.

Exit mobile version