Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña-COGAMI ten en marcha un programa de Desenvolvemento Integral para persoas con discapacidade que beneficia a 15 persoas

A Mariña 27-9-18. A Asociación de Persoas con Discapacidade A Mariña-COGAMI ten en marcha un programa de Desenvolvemento Integral para Persoas con Discapacidade da Mariña Lucense, co que pretende potenciar todo tipo de capacidades das persoas con discapacidade mariñás. Neste programa participan 15 persoas con discapacidade procedentes dos concellos de Viveiro, Xove, Burela e Foz.

A través deste programa, que se desenvolverá ata finais de 2018, promóvese a adquisición e mellora de habilidades sociais, formativas e prelaborais, así como tamén se imparten programas e técnicas que favorezan a habilitación funcional da persoa, reducindo a incidencia da discapacidade. Ademais de potenciar as capacidades tanto cognitivas como intelectuais, tamén se traballa a inserción social, as relacións interpersoais e o mantemento e recuperación fisioterapéutico.

Este proxecto de Desenvolvemento Integral para Persoas con Discapacidade da Mariña Lucense é posible coa financiación de 12.000 euros procedentes da convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF da declaración da renda, procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o cadro de “Actividades de interese Xeral consideradas de interese social”.

Entre as accións que se desenvolven, están as dirixidas á formación e capacitación a través da recuperación e o mantemento físico e funcional. Trabállase tamén o mantemento do rendemento cognitivo a través da lectura, escritura, cálculo, atención, a orientación espacial e temporal e tamén realizando saídas culturais a bibliotecas e museos. Ademais, o proxecto de desenvolvemento integral imparte obradoiros prelaborais de comprensión, forma en novas tecnoloxías de informática e mellora a autonomía persoal ofrecendo servizos de apoio

Todas as actividades que se levan a cabo no centro de recursos de Palmeiro que ten en Xove A Mariña-COGAMI teñen como finalidade mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade da comarca.

Asociación A Mariña-COGAMI
É unha organización non gubernamental constituída no ano 1989 para coordinar e promover a defensa dos intereses das persoas con discapacidade de A Mariña para acadar a máxima atención social á problemática que representan e a súa total integración na sociedade.

Exit mobile version