A obra supón un investimento de 170.000 euros, provintes do Plan único da Depuración Provincial, que lle corresponden a Cervo.
A día de hoxe xa se remataron os traballos na estrutura das cubertas interiores e exteriores, instaláronse canlóns de pluviais de zinc, e estase a traballar no saneamento dos muros exteriores e interiores do edificio que conta cunha superficie de 270 m2; “no que se está a respectar tanto a estrutura como as materiais orixinais, tal e como foi concibido no seu día vai un século”.
Villares recordou que se levará a cabo un saneamento exterior e interior para evitar humidades e mellorarase o illamento térmico e acústico “co que conseguimos gañar en eficiencia enerxética e tamén o acondicionamos para o uso que está a ter maioritariamente hoxe en día, tendo en conta que se trata dun centro cultural con moita actividade e moi frecuentado polas agrupacións locais; xestionado desde vai anos pola AC Airiños do Xunco”.
Tamén se substituirán, así mesmo, as carpinterías exteriores, por novas portas e ventás de PVC e incorporaranse dous baños (ata agora estaban no exterior), un deles adaptado, cumprindo coa normativa de accesibilidade, e tamén se actuará na parte externa do edificio, para facelo, así mesmo, máis accesible.