Site icon Crónica3.com A Mariña

A semana da mobilidade, que se está a celebrar en Burela ata o sábado, está a ser un éxito. Así o subliñou a concelleira de medio ambiente, Noelia Mª Ben

Burela, 18 de setembro de 2018. Burela segue a celebrar a Semana Europea da Mobilidade, que se iniciaba o pasado domingo e que se desenvolve ata o 22 de setembro. As actividades están organizadas pola Concellería de Medio Ambiente. Noelia María Ben subliñou que están a resultar un éxito. Onte e hoxe os nenos e nenas van camiñando ao colexio e visitan a exposición Carapuchiña camiña soa. Por diante quedan aínda o obradoiro de conservas, que terá lugar mañá, o concurso de debuxo do venres e as rutas en bicicleta eléctrica do sábado.
A edil de Medio Ambiente lembrou que “o obxectivo principal é, como sempre, promover o uso e a combinación de distintos modos de transporte sostibles. Trátase de que non haxa que utilizar tanto o coche, máis que nada polo tema da contaminación, que é o que máis contamina, senón facer viaxes a pé ou en bicicleta. Entre os nenos e as nenas o que queremos é fomentar ir andando ao colexio, que é o que estábamos facendo hoxe máis no día de onte. Hai que intentar entre todos axudar para que haxa menos contaminación e así mellor viviremos todos, que é do que se trata”.
Noelia María Ben contou que “de momento está descorrendo todo ben, dentro da normalidade, con moita actividade. A xente está disfrutando moitísimo e participando nas actividades. O domingo foi apoteósico, normalmente empezábamos con algo máis suave, pero este ano ao coincidir o día 16 en domingo comezamos a programación co día grande e moi ben. Houbo moita xente pola mañá e pola tarde e estivo un día espléndido”.
A edil burelesa engadiu que “en principio sempre facemos as actividades para os nenos, que directamente son quen máis reciben o tema da mobilidade, e despois algunha para os adultos tamén, como o das bicicletas eléctricas o sábado pola mañá. Intentamos englobar todo para que haxa algo para todos. Así temos tamén o concurso de conservas, que é a segunda parte do que fixéramos e en dous días pechamos a inscrición porque xa se encheron as prazas. Temos ademais, hoxe pola tarde, o circuíto para os nenos na praza do Concello. Quedan aínda o concurso de debuxo e as charlas polas mañás nos institutos. Hoxe temos aos nenos do outro colexio de Burela coas charlas, e máis coñecendo o Concello e as dependencias da Policía Local”.
Noelia Mª Ben engadiu que “imos seguindo o programa que cada ano dá un pouco máis que facer ao ser tantos días. intentamos deixar o que funciona sempre e cada ano meter algo máis novo. Este ano tivemos os paseos a cabalo o domingo pola tarde e ao final decidimos englobalo dentro da Semana, xa que tamén é mobilidade sostible. De momento o que imos facendo vai funcionando”.
A concelleira de Medio Ambiente aproveita para “convidar a todos os veciños e veciñas que queiran participar na programación, e animalos a que cada un participe no que máis lle guste. Isto faise para os veciños do pobo e sen eles non tería éxito. Se non hai xente non hai demanda e sénteste mal, pero de todo o que imos facendo sempre vai habendo moita participación e estamos encantadas”.

Exit mobile version