Site icon Crónica3.com A Mariña

A subdelegada do Goberno felicítase pola aprobación da norma que obriga a incluir a procedencia no etiquetado do leite e os seus derivados

Lugo, 21 de setembro de 2018.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, felicitouse hoxe pola aprobación este venres no Consello de Ministros dun real decreto moi importante para o sector lácteo galego, xa que obriga a incluir no etiquetado do leite e os seus derivados o lugar de orixe.

Isabel Rodríguez expresou a súa satisfacción pola decisión do Consello de Ministros, dada a importancia que ten para os gandeiros da nosa provincia, e destacou que este Goberno foi quen de aprobar en pouco máis de tres meses unha iniciativa que levaba moito tempo agardando o sector, pois estaba recollida no acordo lácteo asinado hai tres anos. A subdelegada do Goberno lembrou que se trata dunha medida fundamental para o sector lácteo galego e para os gandeiros da nosa provincia que porá en valor os nosos produtos, tanto o leite como os seus derivados, ao axudar a que os consumidores estean debidamente informados da procedencia dos produtos que adquiren.

O real decreto aprobado hoxe polo Consello de Ministros, a proposta do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas Puchades, establece a obrigatoriedade de que todos os lácteos detallen no seu etiquetado cal é a procedencia dos produtos. O Goberno atende así unha das grandes reivindicacións do sector gandeiro e dos sindicatos agrarios galegos e lucenses.

A garantía dunha información veraz ao consumidor sobre o lugar de procedencia dos produtos foi un dos grandes piares do acordo lácteo asinado en setembro de 2015 para facerlle fronte á grave crise do sector lácteo. Gandeiros e sindicatos do sector denunciaron reiteradamente o prexuizo que lles ocasionaba a entrada masiva de leite a baixo prezo procedente doutros países europeos como Francia e Portugal, que era envasado aquí de maneira que o consumidor compraba leite e derivados lácteos descoñecendo que a súa orixe non era galega.

A subdelegada do Goberno manifestou que, consciente deste problema, o Goberno de Pedro Sánchez decidiu darlle un pulo á regulamentación do etiquetado dos produtos lácteos para facer obrigatorio a inclusión de información como o país no que se muxiu a vaca e no que foi transformado o produto.

Exit mobile version