Lugo, 7 de setembro de 2018.- A Xunta de Galicia colabora cos concellos do Valadouro e Alfoz no financiamento da xestión compartida do servicio de recollida domiciliaria de lixo e do punto limpo emprazado no Valadouro (na estrada a Foz), a través da concesión dunha axuda de 72.330 euros.
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que mediante esta achega, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza subvenciona tanto gastos de funcionamento do servizo, que os dous concellos xestionan en común, como a adquisición de equipamento.
En concreto, a Consellería aportará un 70% do orzamento da subministración de 125 novos contedores para separar o lixo, 105 sistemas de suxeición destes, 4 papeleiras de madeira e 1 recinto para colocar dous colectores.
No caso do concello do Valadouro, está prevista a adquisición de 19 colectores verdes (10 de 800 litros e 9 de 360 litros), 79 amarelos de 800 litros, 2 colectores iglú para a recollida de vidro, 2 colectores metálicos para a recollida de papel e cartón e un recinto para instalar 2 colectores rodados de 800 litros.
As novas dotacións previstas para o concello de Alfoz son 20 contedores amarelos de 800 litros, 3 contedores metálicos para a recollida de papel e cartón e 4 papeleiras de madeira para instalar en zonas urbanas e zonas de especial concentración de visitantes, como parques ou espazos naturais.
O proxecto contempla tamén a instalación de 105 suxeita contedores de aceiro inoxidable distribuídos polas parroquias do concello de Alfoz.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destacou que esta achega pon de manifesto a aposta do Goberno galego pola colaboración cos concellos, pola protección do medio ambiente e por dotar aos veciños duns servizos nas mellores condicións.