Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 237.000 euros a impulsar a posta en marcha de catro novas empresas en Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo

Lugo, 13 de setembro de 2018. A Xunta de Galicia destina 237.500 euros a apoiar a posta en marcha de catro novos proxectos empresariais nos concellos de Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo, a través dun programa pioneiro para apoiar a diversificación produtiva nos municipios rurais mediante a implantación de empresas que non sexan propiamente agrícolas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende facilitar a creación de emprego mediante actividades relacionadas tanto co sector servizos como coa industria, que parten de autónomos, microempresas e pequenas empresas no ámbito rural.

No caso da Mariña, o proxecto de maior investimento é o dunha academia en Mondoñedo (cun investimento subvencionable de 195.000 euros), seguido pola apertura de apartamentos turísticos en Ribadeo (149.000 euros), un parque de aventura en Viveiro (124.000 euros) e unha tenda de artigos de regalo tamén neste concello (37.700 euros).

A axuda consiste nunha contía que vai dos 20.000 aos 70.000 euros e o programa está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020. Trátase de axudas de concorrencia competitiva para a execución dun plan empresarial ou de negocio que teña unha duración de 18 meses.

O programa Galicia Rural Emprende súmase ao amplo catálogo de servizos, ferramentas e instrumentos de apoio habilitados pola Xunta no marco da Lei do Emprendemento e que inclúe o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, o programa Galicia Emprende, a Rede Galega de Investidores particulares ou a Rede Galega de Mentores.

Do mesmo xeito, a iniciativa enmárcase no Programa de formación e emprendemento no rural activado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo de fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes. Así, a Xunta conta con outras accións para acadar este obxectivo, como a formación á porta, a formación en industrias forestais, a posta en marcha de obradoiros duais de emprego, o desenvolvemento de coworkings no rural, ou a creación dos primeiros laboratorios cooperativos.

Exit mobile version