Site icon Crónica3.com A Mariña

As emisións de Co2 centran este venres as actividades da Semana europea da Mobilidade, que se celebra en Burela. A programación rematará mañá, sábado, coas rutas en bici eléctrica e cun taller de manualidades con Gaia

Burela, 21 de setembro de 2018. Charlas sobre Emisións de CO2 están a centrar as actividades da Semana Europea do Mobilidade, que estes días se celebra en Burela.
Onte levouse a cabo a primeira desas conferencias. Foron os alumnos de 1º da ESO do IES Perdouro os que participaron nesta actividade e hoxe, venres, tocaralles o turno aos alumnos do mesmo curso do IES Monte Castelo.
Segundo explican as monitoras de Gaia “esta charla céntrase nos nosos hábitos de desprazamento e a repercusión na contaminación, sobre todo nas emisións de CO₂. Non debemos esquecer que o transporte representa un terzo do consumo de enerxía final dos países membros da AEMA e máis dun quinto das emisións de gases de efecto invernadoiro, sendo tamén responsable de boa parte da contaminación atmosférica e acústica urbana. Por iso debemos apostar polas actuacións de mobilidade sostible: desprazarnos a pé, en bicicleta ou en transporte público en lugar de facelo en coche sempre que sexa posible, compartir un coche entre varios compañeiros para acudir ao colexio ou ao traballo…”.
E engaden que “actualmente a cota do automóbil nos desprazamentos que usan o transporte mecanizado é do 70% nas cidades europeas, fronte a un 25% no transporte público e un 5% en bicicleta; co grande problema medioambiental que isto xera. Todos podemos facer algo para mellorar esta situación e iso é o que pretendemos con estas charlas, que os rapaces recapaciten sobre este tema e modifiquen os seus hábitos no referente aos desprazamentos”.
Ao remate da charla os rapaces cubriron un cuestionario sobre hábitos de desprazamento, no que se constata que o medio de trasporte mecanizado que máis utilizan é o coche, e que para ir ao instituto a maioría o fan andando, a segunda opción máis utilizada é o coche (por moi pouca diferenza coa primeira) e moi poucos comparten coche, usan o autobús ou empregan a bicicleta.
Esta tarde terá lugar un concurso de debuxo infantil titulado Combina e móvete. Será na praza da Mariña a partir das 18:30 horas. Tamén nesta xornada haberá ensaio de ximnasia rítmica de 15:30 a 19:30 horas a cargo de Porta Norte Ximnasia Rítmica e ás sete e media ensaio de Ledicia.
Mañá, sábado, rematará a programación da Semana Europea da Mobilidade coas rutas en bici eléctrica. Serán entre as 10 e as 14 horas con saída da praza do Concello, previa inscrición ao longo destes días. E de 12 a 13:30 horas terá lugar un taller de manualidades con Gaia na praza do Concello.

Exit mobile version