Site icon Crónica3.com A Mariña

As San Lucas preséntanse en Betanzos cun amplo programa que pretende chegar a todos os públicos combinando tradición e modernidade

Mondoñedo, 28 de setembro de 2018.- O presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto, xunto á alcaldesa da localidade, Elena Candia, deron a coñecer hoxe en Betanzos o programa detallado das Feiras e Festas máis antigas de Galicia. No acto estiveron acompañados polo rexedora da localidade coruñesa, María Barral.

O evento forma parte dunha serie de presentacións das San Lucas que se levarán a cabo nas sete cidades que foron, xunto con Mondoñedo, capitais de provincia do Antigo Reino de Galicia (Santiago, A Coruña, Betanzos, Lugo, Ourense e Tui). Así, o presidente de Asociación e a alcaldesa de Mondoñedo visitarán mañá Tui co mesmo propósito.

Candia subliñou que “ás sete cidades teñen moito en común, o que pode ser o principio dun traballo conxunto entre elas” e agradeceu a colaboración do Concello de Betanzos na difusión das San Lucas.

Programa
O programa, que pretende chegar a todos os públicos combinando tradición e modernidade, desenvolverase entre o mércores día 17 de outubro e o domingo día 21. Miguel Souto subliñou que “as San Lucas son feira, festa, cultura e tradición”. O pregón correrá a cargo do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e terá lugar o mércores 17 ás 20:45 horas. López realizou os seus estudos no seminario e no instituto San Rosendo de Mondoñedo.

Entre as actividades atópase a celebración dun dos principais espectáculos de doma nocturna, o primeiro que se alberga en Galicia. O presidente da Asociación, Miguel Souto, destaca que este espectáculo desenvolverase “na feira máis antiga de Galicia e no marco incomparable da Praza da Catedral, en fronte do monumento declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco”.

Este primeiro espectáculo de doma nocturna que se celebra en Galicia terá lugar o día grande das Feiras e Festas de As san Lucas, o 18 de outubro, ás 21:00 horas na Praza da Catedral. Poderase ver un segundo pase o día 19, tamén ante o monumento declarado Patrimonio da Humanidade, nesta ocasión, ás 21:30 horas.

A programación recolle ademais, entre outras moitas citas, a tradicional chegada dos cabalos polas rúas empedradas da cidade ata a feira e o seu paso pola Praza da Catedral, que será retransmitida por unha pantalla xigante, a actuación de Quico Cadaval, o encontro folclórico, teatro, un concurso de andadura galega, morfolóxico de cabalos e de trote, demostracións de ferrado e forxa, a segunda xuntanza de tractores clásicos e a homenaxe a Pascual Veiga.

Música
No eido musical, haberá actuacións de diferentes grupos e orquestras, como a Panorama o día 17, Compostela e Satélites o 18, París de Noia e Principal o 19, La Favorita e Israel o 20 xunto co grupo Extra e Palladium o 21. O broche de ouro porao o concerto de Carlos Núñez no interior da Catedral de Mondoñedo o domingo 21 ás 20:00 horas.

Palabras da rexedora de Betanzos
A alcaldesa de Betanzos indicou que “é unha honra recibirvos para presentar unha programación como a de “ As San Lucas” referentes na provincia de Lugo, e que, como as nosas de San Roque, co Globo e Os Caneiros, son unha das máis representativas de Galicia.

“Unha honra poder presentalas aquí e recibir á alcaldesa de Mondoñedo, unha das capitais do antigo Reino de Galicia. Un feito histórico que nos une como as súas festas e feiras nas que, como Betanzos, manteñen vivas as súas tradicións, a súa historia, as súas raíces, os seus costumes”.

“E por esa razón, por todo o que nos une na nosa historia, espero e desexo que esta relación entre dous municipios históricos, non se acabe aquí senón que a presentación destas festas de As San Lucas sexa o comezo dunha colaboración institucional da que podamos obter beneficios para os nosos respectivos municipios coa vista posta nos nosos centros históricos”.

“Con ese obxectivo, desde Betanzos animamos a todos os betanceiros e veciños e veciñas da comarca para visitar Mondoñedo durante os días de As San Lucas, cheos de actividades para todas as idades”, concluíu.

Exit mobile version