Site icon Crónica3.com A Mariña

Augas de Galicia acondiciona espazos naturais na ruta do Cantábrico, o río Santiago e o souto da Retorta , na comarca da Mariña

Ribadeo, 19 de setembro de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, vén de realizar traballos de mantemento, conservación e mellora de varios espazos naturais na comarca da Mariña, entre eles o camiño natural da Ruta do Cantábrico ao seu paso por Ribadeo, o souto da Retorta, en Viveiro, e o río Santiago en Barreiros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos realizáronse nas últimas semanas. Nos dous primeiros proxectos investíronse preto de 2.000 euros, e consistiron en labores de limpeza e adecuación do monumento natural do souto da Retorta -na parroquia viveirense de Chavín- e do camiño natural do Cantábrico no municipio de Ribadeo, que dende o porto desta localidade transita pola liña costeira incluíndo a praia das Catedrais, igualmente declarada monumento natural.

Polo que respecta ao río Santiago, en Barreiros, levouse a cabo a limpeza dun treito de 680 metros no lugar da Torre, na parroquia de Reinante. Retiráronse árbores, pólas ou madeira morta existente na canle e as marxes; igualmente, procedeuse ao desbroce e clareo selectivo das marxes e á limpeza das entradas e saídas de obras de paso.

Esta iniciativa enmárcase nun contrato global para a mellora do dominio público hidráulico no ámbito territorial do norte da comunidade, no que se invisten 1,1 millóns de euros. Ao abeiro deste proxecto, a Consellería tamén acometeu no mes de agosto obras de limpeza en varios treitos do río Lexoso en Barreiros e Ribadeo, dos espazos fluviais nos rios Baos e Valiñadares, ambos en Mondoñedo, e do río Arante en Ribadeo.

O delegado afirmou que estas recentes actuacións de Augas de Galicia na Mariña “inciden sobre espazos naturais de singular relevancia para a comarca, non só dende o punto de vista medioambiental senón tamén turístico e paisaxístico”.

Exit mobile version