O Valadouro, 14 de setembro de 2018.- O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou hoxe que a Xunta aposta polo desenvolvemento económico e social do concello do Valadouro “e inviste nos servizos e infraestruturas básicos, nas dotacións educativas, nos servizos sociais e en todos os aspectos que axuden a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”.
A modo de exemplo, o delegado expresou que só a Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza leva investidos no municipio dende o ano 2009 preto de 4 millóns de euros a través de distintas liñas de apoio.
Ademais, engadiu Balseiro, case a metade deste investimento, arredor de 2 millóns de euros, proceden do Fondo de Cooperación Local e “son de libre disposición para o concello, que os puido destinar a calquera actuación que considerara prioritaria, incluíndo, evidentemente, o arranxo de instalacións deportivas”. En concreto, O Valadouro recibe anualmente 193.880 euros deste fondo.
Máis de 1,8 millóns investíronse a través do Fondo de Compensación Ambiental, tanto na liña non competitiva como na competitiva, e serviron para mellorar os servizos de abastecemento e saneamento, soster o servizo de recollida de lixo -que comparte con Alfoz-, adquirir diversa maquinaria para o servizo de medio ambiente -como un tractor ou unha desbrozadora- ou impulsar o Centro de formación en agricultura ecolóxica, entre os numerosos proxectos sufragados.
Igualmente, a Consellería de Presidencia financiou o equipamento do parque infantil da piscina municipal, a través do programa para mellorar infraestruturas de uso público, ou a adquisición de mobiliario para edificios municipais, como a casa do concello, o centro cultural ou o centro sociocultural Manuel Lourenzo.
O delegado rexeita que o Goberno local “semente dúbidas sobre o apoio da Xunta ao concello só porque non se sufragou un proxecto concreto presentado ao abeiro dunha orde de axudas de concorrencia competitiva, que se resolveu conforme aos criterios transparentes e obxectivos que establecían as bases da convocatoria”.