Cervo. 10 de setembro de 2018. Ibán Sánchez Rodríguez, concelleiro do BNG en Cervo rexistrou unha batería de preguntas con fin de saber se a empresa Cerámicas de Sargadelos recibiu algunha axuda do concello, xa fora mediante rebaixas fiscais ou outro medio, nos últimos oito anos. A formación nacionalista chama a atención sobre este asunto xa que desde o ano 2010 a factoría con sede en Cervo despediu a mais do 50% do seu cadro de persoal e as condicións laborais mudaron a peor de maneira considerábel. “Sería insultante que o concello financiara economicamente a quen despreza a lexislación e os dereitos laborais, persegue o dereito a sindicarse, e deixa sen emprego a súa veciñanza”, afirmou o concelleiro nacionalista.
A formación nacionalista demandou mediante un escrito dirixido ao alcalde información sobre rebaixas fiscais, ou axudas económicas doutra índole das que se puidera ter beneficiado Cerámicas de Sargadelos nos últimos oito anos. É un feito que a empresa con sede no concello despediu mediante sucesivos ERE, algún deles anulado pola xustiza, a mais do 50% do seu cadro de persoal, tamén que nos últimos anos houbo novos contratos cunhas condicións laborais moi por debaixo das preexistentes, e que o seu actual administrador gabouse publicamente de non cumprir o convenio laboral, afirmou o portavoz municipal, Ibán Sánchez.
O portavoz nacionalista argumentou que o concello ten asumido medidas de apoio a empresas e autónomos asentadas no concello, entre elas desde o pasado 15 de febreiro o Convenio Doing Business Galicia, que proporciona importantes rebaixas fiscais a empresas con sede no concello pola contratación de persoal que non ten porque ser residente no concello.
En concreto, o BNG presentou as seguintes preguntas:
1.Beneficiouse a empresa cerámicas de Sargadelos de algunha das bonificacións previstas na iniciativa “Concellos Doing Business Galicia” implantado no Concello de Cervo?
2.De ser así, cal é o número de postos de traballo creados e cal foi a súa duración temporal?
3.En caso de que a primeira pregunta teña resposta afirmativa, cal foi o aforro económico do que se beneficiou Cerámicas de Sargadelos en aplicación da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia”.
4.Recibiu a empresa cerámica de Sargadelos algún tipo de axuda ou subvención deste Concello nos últimos 8 anos? E de ser así, especificar concepto, contía e si estaba suxeito a algún tipo de condición.