Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias: “O conto dos aforamentos”

O Congreso dos Deputados quere acordar a supresión das prerrogativas dos políticos; en reivindicación da sobada “rexeneración democrática” o partido Ciudadanos levou unha moción á Cámara Baixa pola que interesaba a supresión dos aforamentos.
A Constitución Española -esa que por uns intres devén en dogma e logo muda en papel mollado segundo o interese- contempla un status xurídico específico para persoas que, polo cargo que ocupan, non son xulgados polos tribunais ordinarios.
Pois iso, o aforamento non sería outra cousa que a competencia específica de determinados xulgados para xulgar a ministros, deputados, senadores, xuíces e fiscais.
O lei motiv de dita discriminación ten por obxecto dotar ós políticos dunha protección reforzada fronte a demandas interesadas, e ós xuíces no tocante a inxerencias e presións no desempeño da súa tarefa.
Reforma constitucional express para dar un paso adiante na equiparación do trato xudicial que reciben cidadáns e cargos públicos.
Unha vez trasladado o debate ó conxunto da xente non hai dúbida ó respecto, o representante público ten que recibir o mesmo tratamento que o cidadán de “a pé”.
Se me permiten a observación, a cuestión do “aforamento” exemplifica de xeito meridiano o debate político do noso país; detrás dunha aparente discrepancia e discusión acalorada agóchase a vella estratexia de “mudar todo para que todo siga igual”.
Exposto en termos xenéricos, ¿quen pode estar en conta da supresión de privilexios?
Agora falta a determinar quen e como se vai a pór fin ós mesmos; é aí onde xorden as dúbidas.
O quen ten importancia, porque son aqueles que gozan destes privilexios os que din querer rematar con eles.
O como tamén é ilustrativo, porque son capaces de fixar un acordo para a reforma da Constitución de xeito inmediato, coas súas maiorías, cando nunca teñen capacidade de consensuar nada.
No meu parecer estamos ante a enésima campaña de marketing político, pois non pode cortarse unha hemorraxia cun apósito.
Xa a comezos do ano en curso o Consello de Europa recomendaba a España mudar o sistema de designación do órgano de goberno dos xuíces, o Consello Xeral do Poder Xudicial. “Autoridades políticas como o parlamento ou o Poder Executivo non se deberan implicar en ningunha fase de selección do órgano de goberno xudicial”.
Na actualidade os 20 vogais que conforman o Consello son elixidos polo Congreso e o Senado.
Por iso, o vello conto dos aforamentos non deixa de ser una simple cuestión cosmética, a do vella historia da rexeneración.

Exit mobile version