Son un total de 105.000 euros en premios que se distribúen do seguinte xeito:
25.000 euros para o Club Voleibol Emevé polo ascenso á Superliga. É o equipo de referencia do voleibol da provincia de Lugo e que mantén unha aposta decidida pola canteira. Ademais do ascenso á Superliga, este ano lograron ser subcampionas na Copa Princesa, competición na se enfrontan os tres primeiros clasificados da Superliga 2 Feminina.
25.000 euros para o Ensino CB, polo ascenso á Liga Dia. Once tempadas despois, o Porta XI Ensino CB (Durán Maquinaria Ensino) regresa á máxima categoría do baloncesto español, a liga Día. Foron 15 vitorias consecutivas en Liga Regular, que lle outorgaban o 2º posto, e 4 máis na Fase Final de Valencia que lle concedían o ascenso a Liga Dia.
50.000 euros para o CB Breogán SAD polo ascenso á ACB. Cafés Candelas Breogán volve á elite do baloncesto estatal, 12 anos despois, tras o descenso de 2006. O club foi o mellor da fase regular da LEB Ouro, o que dá unha praza fixa de ascenso na liga ACB, coñecida actualmente como Liga Endesa, que é a principal liga de baloncesto profesional de España.
5.000 euros para Cristian Toro Carballo, por seren o único medallista olímpico da provincia en activo. Compite na disciplina de piragüismo na modalidade de augas tranquilas, é o deportista de maior relevancia singular por lograr un campionato olímpico. Gañou dúas medallas de prata no Campionato Mundial de Piragüismo de 2017 e dúas medallas de ouro no Campionato Europeo de Piragüismo de 2018.
550.000 euros para impulsar o deporte base
Rivera Capón explicou que o Goberno da Deputación está comprometido tamén co deporte base e co tecido asociativo lucense, xa que a través deles ademais de transmitirse valores tan importantes para unha sociedade como o esforzo ou a superación, impulsa a vida saudable e serve de dinamizador social nos concellos.
Por iso, durante o ano pasado, o Executivo da Deputación investiu de xeito directo máis de 550.000 euros para colaborar con preto de 260 clubs e entidades deportivas da provincia de Lugo, así como con 150 deportistas individuais, co fin de apoiar tanto aos propios deportistas, como aos Clubs, axudándoos a financiar custos por eventos que realizan así como os da propia actividade deportiva que realizan.