A concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, que presentou a SEM esta mañá dixo que “por 12º ano consecutivo o Concello de Burela organiza a Semana Europea da Mobilidade entre o 16 e o 22 de setembro. Esta iniciativa europea anima ás cidades a introducir e promover medidas de transporte sostible e invita aos cidadáns a probar alternativas ao uso do automóbil”.
A edil burelesa explicou que “este ano o tema no que se centra a Semana da Mobilidade é a Multimodalidade, promovendo o uso e a combinación de distintos modos de transporte para os desprazamentos urbanos, tanto para pasaxeiros como para mercadorías. A combinación de distintos modos de transporte implica aumentar ao máximo os beneficios para os pasaxeiros: custos, rapidez, flexibilidade, comodidade, fiabilidade, etc. Tamén ofrece beneficios para a sociedade: redución da contaminación e a conxestión, mellora da calidade de vida e da saúde…”.
Noelia Mª Ben engadiu que “desde a Delegación de Medio Ambiente organizamos unha semana completa de actividades moi variadas: xogos populares na rúa, rutas en bicicleta eléctrica, obradoiro de conservas, actuacións e ensaios abertos ao público, mesas informativas, charlas nos centros escolares, circuíto de educación vial, concurso de debuxo infantil, talleres de manualidades… Queremos invitar a todos os veciños e veciñas a participar desta programación e animámolos a saír á rúa este domingo, 16 de setembro, e gozar durante unha xornada das rúas que estarán pechadas ao tráfico”.