Site icon Crónica3.com A Mariña

En outubro darán comezo en Burela as obras de asfaltado nas rúas Eijo Garay, Suafonte, Pardo Bazán e Nosa Señora do Carme, entre outras. O presuposto rolda os 30.000 euros e están incluídas no plan único da Deputación

Burela, 29 de setembro de 2018. En outubro darán comezo unha serie de obras de asfaltado en varias rúas da localidade. Estas actuacións faranse en tramos das rúas Eijo Garay, Suafonte, Pardo Bazán e Nosa Señora do Carme, entre outras. O presuposto rolda os 30.000 euros e o concelleiro Ramiro Fernández Rey agradece á Deputación Provincial a achega para afrontar estas melloras.
O edil de Obras anunciou que “no Concello de Burela vimos de adxudicar nestes días unha obra que consideramos que é importante e que se refire a unha serie de asfaltados en varias rúas que están bastante deterioradas. Estas obras están incluídas no Plan Único da Deputación Provincial e teñen un presuposto que rolda os 30.000 euros”.
Ramiro Fernández Rey detallou que “as actuacións que se van levar a cabo van ser en Eijo Garay, nun tramo que está bastante deteriorado e tamén nos aparcamentos. No primeiro tramo da rúa Suafonte, que ten necesidade de facer un asfaltado en condicións, e tamén imos seguir traballando noutro tramo de Pardo Bazán, que como os anteriores está bastante deteriorado e queremos actuar nel. Outro dos asfaltados farase tamén en Nosa Señora do Carme”.
O concelleiro burelés dixo que “ademais disto imos aproveitar para facer outra serie de actuacións en zonas que temos tamén con problemas de asfaltado. Eu penso que estas obras van mellorar a boa imaxe do pobo en todos os aspectos e a previsión é que dean comezo no mes de outubro”.
Fernández Rey agradece “a colaboración, como sempre neste tipo de obras, da Deputación Provincial, que nos fai unha achega importante para estes temas”.
O edil indicou que “imos ir anunciando cando cheguen as máquinas dos cortes de tráfico que haxa que facer para facilitar ao máximo posible a circulación dos vehículos por Burela”.

Exit mobile version