A porteira brasileira, a máxima coñecedora do vestiario mariñán, comeza unha tempada máis “con moita ilusión coma sempre” co valor engadido dun proxecto avalado pola experiencia e a calidade contrastada: “Este ano temos un grupo moi sólido, repleto de boas xogadoras, xogadoras con experiencia, internacionais do Brasil, España, Portugal. Hai moitas expectativas postas nesta tempada” aseguraba Jozi, na recta final dunha pretempada que deixa moi bo sabor de boca: “Traballamos bastante, xogamos moitos partidos esta pretempada. As sensacións son boas. O equipo medrou cada partido, imos mellorando en moitas cousas, nas ideas de xogo dos nosos adestradores, nas estratexias…”.
Clausura de amigables en Poio
A presentación do Poio Pescamar FSF, mañá, clausurará a axenda de amigables de pretempada para o Pescados Rubén Burela FS (21.00 horas, municipal de Poio). “Será un encontro bonito e moi disputado. É un partido de presentación, pero na casa dun rival que o ano pasado nos arrebatou títulos; será un bo termómetro para poñer a proba todo o que estamos traballando. Ademais será o primeiro encontro no que poderá estar todo o equipo; foi unha pretempada con ausencias, con compañeiras nas seleccións polo Preeuropeo” puntualizaba a brasileira, mirando á liga xa e tamén ao gran rival de Primeira: “Por traxectoria e resultados, o Atlético de Madrid é o rival a bater, non só por títulos senón por fortaleza; mantiveron o bloque e reforzáronse”, concluía a 1 laranxa.