Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova concentración de pensionistas en Barreiros

Barreiros 6-9-18. Estase acabando o verao e de nós parece que non se acordan. Neste mes iranse ocupando outra vez os escanos do Congreso dos Deputados e volverán coas súas leas e uns acusarán a outros de baleirar a caixa das pensións ou de facer subas raquíticas das pensións.
Pero este verao, algunha decisión xa tomaron, pois como vos dixemos xa hai varias semanas, imos pagar a luz mais cara, e en Galicia moito mais, simplemente porque ás compañías eléctricas lles apetece e ninguén lles fai frente. E por se esto fora pouco, tamén vai subir o combustible, pois como decían os xornais en días pasados “Galicia volve de vacacións cos combustibles mais caros dos últimos catro anos, de forma que encher de gasoil o depósito dun coche estándar, costa 9 euros mais ca en 2017”.
Dispáranse os prezos e as raquíticas subas das pensións quedan moi lonxe de medrar proporcionalmente á suba do coste da vida.
Mentras non se ataque o problema de fondo, derrogando as reformas laborais que produciron esta situación, e mentras non se aprobe unha nova lexislación laboral que restitúa os dereitos perdidos, non avanzaremos nada. Mentras, seguiremos lamentándonos da suba da inflación, que para este ano calcúlase que se vai situar no 1,9% (no mes de xullo foi xa do 2,2%), e polo tanto o noso poder adquisitivo seguirá disminuindo. É pois necesario e urxente que o goberno de Pedro Sánchez ataque o problema de raíz, deixándose de parches. Se houbo unha maioría no Congreso dos Deputados para poñelo no goberno, esa mesma maioría tén que ser a que derrogue esas lesivas reformas laborais do Psoe e do PP e inicie un novo tempo na recuperación dos dereitos laborais e sociais.
Por eso seguimos e seguiremos coa nosa táboa reivindicativa:

– derrogación das reformas laborais

– aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos como consecuencia das reformas anteriores

– pensión mínima igual ao salario mínimo interprofesional

– recoñecemento do dereito á xubilación ordinaria aos 65 anos

– establecer a actualización anual das pensións en base ao IPC

– blindaxe do sistema público de pensións

– pensións dignas e con poder adquisitivo

Colectivo de Xubilad@s e Pensionistas de Barreiros

Exit mobile version