Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde burelés fixo unha valoración moi positiva da IV Feira do libro celebrada esta pasada fin de semana na localidade

Burela, 4 de setembro de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, fixo unha valoración moi positiva da IV Feira do Libro que se celebrou a pasada fin de semana na localidade. E felicitou ao concelleiro de Cultura, José Díaz, polo traballo realizado.
O rexedor dixo que “unha vez rematada esta cuarta edición da Feira do Libro de Burela, teño que amosar a miña satisfacción polo éxito acadado porque vemos que é algo que se está consolidando, é unha iniciativa extraordinaria, moi boa, que non soamente é un referente en Burela, que xa o é, pero tamén é unha referencia clarísima para a comarca”.
Alfredo Llano subliñou que “este ano foi unha edición moi boa. Houbo moi bos escritores aquí que estiveron presentado as súas obras. A esta feira do libro veñen moitos autores a explicar os seus libros, comentar e contestar ás preguntas que lles fai o público.Isto dálle unha importancia extraordinaria a esta feira”.
O alcalde engadiu que “ademais se complementou con actividades tanto de contacontos, como actuacións musicais, sorteos e concursos de literatura. Penso que no seu conxunto houbo unha oferta cultural para animar á xente a vir á praza da Mariña de Burela a mercar libros nos diversos stands que había e que tiveron moito público”.
Alfredo LLano declarou: “queremos que se siga facendo esta feira, que se consolide ben, que sexa un atractivo, que sigan vindo os escritores a presentar as súas obras e que participe a xente. Por exemplo co escritor Manel Loureiro houbo moita xente escoitando. Houbo sempre moito público e moi interesado, e ademais houbo un atractivo extraordinario coa cantidade de libros que se presentaron este ano. Penso que debemos seguir apostando por esta fórmula de motivar á xente a seguir lendo e a mercar libros”.
O rexedor deulle “os parabéns á Concellería de Cultura e á xente de Burela que se achegou alí, participou e activou como cliente a feira”.
Pola súa banda, o edil José Díaz tamén se manifestou nos mesmos termos e indicou: “ojalá en años venideros siga creciendo”.

Exit mobile version