Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz asinou un convenio coa consellería de medio rural para o arranxo da estrada que vai de Nois a Cabanas dende o cruce coa N-642. o custe dos traballos ascende a 40.000 euros

Foz, 17 de setembro de 2018. A Concellería de Medio Rural investirá 40.000 euros na reparación dun viario na parroquia de Nois, o que vai desde o cruce coa N-642 ata Cabanas, na estrada provincial LU-P 2007. O alcalde de Foz, Javier Castiñeira, asinou esta mañá en Santiago o convenio coa Dirección Xeral de Infraestruturas Rurais para levar adiante estas obras. O rexedor considera que se trata dunha boa nova para os veciños e veciñas de Nois.
Javier Jorge Castiñeira explicou que “no día de hoxe temos unha información importante que dar, especialmente para os veciños de Nois posto que lles afecta directamente. É a firma dun convenio entre o Concello de Foz e a Dirección Xeral de Infraestruturas Rurais da Consellería de Medio Rural da Xunta no que se compromete ao financiamento da reparación do viario que sube en Nois desde o cruce coa N-642 ata a estrada provincial da Deputación LU-P 2007 que vai a Cabanas”.
Para o alcalde focense “é unha estrada vital e troncal para estes barrios de Nois, de acceso da parte alta da parroquia de Nois á N-642, e polo tanto iso axudará aos veciños a ter mellor calidade nos seus accesos, que é algo necesario para seguir mantendo a actividade no medio rural e mellor comodidade. Era unha vía que estaba en moi malas condicións e agora será asfaltada na súa totalidade”.
O rexedor subliñou que “é un custe importante, son practicamente 40.000 euros que financia totalmente a Consellería e que nos próximos meses se terá feito unha vez se inicie a contratación por parte da administración autonómica”.
Javier Castiñeira amosou “o agradecemento á Delegación Territorial da Xunta por ter a ben esta petición do Concello de Foz, tratando de mirar polas nosas parroquias e polos nosos núcleos rurais. Neste caso é unha necesidade da que tíñamos constancia polos veciños de Nois, é unha actuación nunha estrada que é necesaria, que ten moita circulación e que é moi importante para os veciños de Nois”.

Exit mobile version