Site icon Crónica3.com A Mariña

O alumnado dos colexios de San Cibrao e Cervo inaugurou as II Xornadas de Prevención de Incendios

Cervo, 24 de setembro de 2018. O Pavillón da Veiga xa está a acoller, en horario de mañá, as II Xornadas de Prevención de Incendios, que organiza o Concello de Cervo en colaboración coa Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB), con Fundación MAPFRE e con Alcoa.
Na inauguración, que tivo lugar ás 10:00 horas, participaron o rexedor cervense, Alfonso Villares, o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, a de educación, Dolores García, o xefe do parque de bombeiros de Arteixo e membro da Xunta Directiva da APTB, Alejandro García, a coordinadora de Seguridade e Saúde de Alcoa, Águeda García e en representación da Fundación MAPFRE, Javier Barreiro e Jacinta Cociña; quenes percorreron as diferentes estacións das que se compón o circuíto de prevención e seguridade.
Estas son a casiña de fume, que é unha estrutura inchable, duns 400 metros cadrados de superficie, que se enche de fume inocuo –xerado por xeo- para explicar aos menores como realizar unha evacuación en caso de incendio; a sala de proxeccións na que se emiten vídeos relacionados coa autoprotección escolar, a sección de primeiros auxilios, a exposición do dispositivo de emerxencias co que conta o Concello de Cervo e o apartado onde realizan prácticas de extinción. Ademais, os nenos e nenas levaron para as súas casas material didáctivo de prevención; e haberá tamén simulacros de incendios, entre outras actividades que se programaron.

Tal e como recordou o rexedor, Alfonso Villares “está previsto que polo pavillón da Veiga pasen nestes tres días máis de 700 escolares de diferentes centros educativos de toda a Mariña aos que lles remitimos semanas atrás unha carta para convidalos, porque consideramos que son xornadas de gran interese para os nenos e nenas polas temáticas que se abordan, xa que adquiren coñecementos fundamentais para poder actuar ante calquera situación de risco que se poida presentar na súa contorna”.
Soto e Villares agradeceron ás persoas responsables das distintas entidades promotoras da Semana da Prevención que Cervo sexa, grazas ao esforzo conxunto e por segundo ano consecutivo, un dos escenarios elixidos para desenvolver esta actividade.

Exit mobile version