Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG critica que o PSOE trate de limitar as xuntanzas do Consorcio de Bombeiros “aos que viven da política”

Lugo, 21 de setembro de 2018. O BNG non participou na reunión convocada para hoxe do Pleno do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento de Lugo. Segundo informou o voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, “foi debido á incompatibilidade do horario da reunión co horario laboral do representante do BNG” e explicou “xa temos advertido previamente, en múltiples ocasións, que é imposible que a estas xuntanzas asistan os representantes políticos que temos unha actividade profesional diferente pero parece que ao presidente da Deputación non lle importa esta circunstancia ou incluso prefire a nosa ausencia”.

Ferreiro lamentou que “con este tipo de actitudes, de convocar reunións en horarios onde a maioría das persoas están nos seus postos de traballo polos que se ganan a vida, se está a impedir a participación na vida política á gran maioría dos traballadores e traballadoras”. “Deste xeito as decisións queda unicamente en mans de políticos que viven dos seus cargos nas institución ou de millonarios que xa non necesitan acudir ao seu traballo para vivir”.

O voceiro do BNG criticou que “se insista en convocar as reunións en horarios onde as administracións que lles paga o salario están en plena actividade e pola tanto terían obriga de estar nelas traballando, compaxinando ademais isto co cobro a maiores das cuantiosas dietas que se pagan por asistir a estas reunións”. Ferreiro solicitou, unha vez máis, que as reunións do Consorcio de Bombeiros da provincia de Lugo se convoquen en horario de tarde para poder compaxinar a asistencia a eles de persoas que non se dedican profesionalmente á actividade política.

Exit mobile version