Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG non aprobará os orzamentos do 2019 da Deputación se non se cumpren os acordos plenarios pendentes

Lugo, 23 de setembro de 2018. O voceiro do BNG na Deputación de Lugo informou que levará a Pleno unha iniciativa para que o goberno da Deputación inclúa nos orzamentos do ano 2019 as partidas económicas necesarias para facer fronte aos acordos plenarios pendentes de execución. Segundo explicou Xosé Ferreiro “é unha constante que o actual equipo de goberno faga caso omiso, de xeito sistemático, dos acordos que toma o Pleno, sobre todo naqueles casos que supón algún tipo de gasto económico ou de traballo especial dalgunha das delegación do goberno”.

Ferreiro sinalou que o BNG aproveitará a presentación do proxecto de orzamentos para o ano 2019 para “intentar forzar ao goberno da Deputación a que inclúa nese proxecto todas as partidas económicas necesarias para facer fronte a todos e cada un dos acordos tomados a iniciativa do BNG”. A inclusión das partidas debe estar “blindada pola vía das bases de execución, cuestións sen a cal non contará co voto favorable do BNG, procedendo a presentar as correspondentes emendas a tal efecto” afirmou Ferreiro.

Para o BNG resulta “moi curioso” que moitos destes acordos contaron co voto favorable do propio grupo político do goberno, non facendo absolutamente nada a continuación para o seu cumprimento. Xosé Ferreiro sinalou que “en moitos destes casos os grupos da oposición atopámonos impotentes para poder dar conta dos incumprimentos dos gobernos a respecto destes acordos plenarios”. As distintas reformas que foron facendo os dous partidos maioritarios a nivel de estado foron convertendo aos alcaldes, e por extensións aos gobernos das deputacións, e auténticos reis absolutos nos seus espazos de actuación, facendo que os respectivos plenos se convertan en irrelevantes na maioría das cuestións que importan á cidadanía.

Os acordos incumpridos:
Programa de visitas dos escolares da provincia aos museos pertencentes á Rede Museística Provincial.
Mellora do trazado e do firme da estrada entre Navia de Suarna a Fonsagrada.
Financiamento da parte que lle corresponde á Deputación para a construción dun rocódromo na cidade de Lugo.
Mantemento do servizo e do carácter público do servizo de catamaráns dependente desta Deputación.
Instauración dunha liña de axudas aos concellos que elaboren un plan de conciliación da vida familiar e laboral fóra do horario escolar.
Continuación do “paseo do rato” ata a Campiña e ata o nacemento do río Rato.
Financiamento da residencia de maiores de Sarria ao igual que o resto de residencias municipais ou construídas pola Deputación de Lugo por convenios cos concellos.
Restauración da “Casona“ do Incio conservando a súa estrutura actual.
Financiamento por parte da deputación da parte que lle corresponda para a construción dun novo pavillón de deportes en Burela.
Programa de acceso de todas as nenas e nenos en idade escolar da provincia de Lugo ás piscinas climatizadas existentes na provincia.

Exit mobile version