Site icon Crónica3.com A Mariña

O CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, abriu o prazo de admisión extraordinario, que se prolongará ata o 11 de setembro. Este centro é o único de Galicia que ofrece un ciclo dual de electromecánica de maquinaria e un dos dous da provincia na modalidade de carrozaría

Ribadeo, 3 de setembro de 2018. O CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, abriu este luns, o prazo extraordinario de admisión de alumnado, que se prolongará ata o 11 de setembro. O centro ofrece, como novidade, un ciclo de formación profesional dual na especialidade de Electromecánica de maquinaria, sendo o único en Galicia onde se poderá cursar esa modalidade. Ademais o CIFP Porta da Auga de Ribadeo é un dos dous centros que hai en toda a provincia no que se poden facer estudos de Carrozaría. A oferta educativa do centro complétase con ciclos de grao medio en Atención a persoas en situación de dependencia, Xestión administrativa e Obras de interior, decoración e rehabilitación, entre outros. Ademais en grao superior pódense cursar ciclos de Educación infantil ou Automoción.
O director do centro, Isidro Berdeal, anuncia que “desde hoxe, luns, está aberto o período de admisión extraordinario, tendo como prazo para a presentación de matrícula desde hoxe, día 3, ata o 11 de setembro á unha do mediodía”.
Berdeal salienta que “no Porta da Auga na oferta educativa que temos este ano, como novidade, introducimos un ciclo de formación profesional dual na especialidade de Electromecánica de maquinaria, que é único en Galicia. Ofrece a posibilidade de cursar estudos e traballar simultaneamente, percibindo un salario de 500 euros ao mes e obtendo unha titulación académica no mesmo tempo que os alumnos que cursan ese mesmo ciclo en ordinaria. Esta modalidade de FP dual ten unha inserción laboral próxima ao 90 cento. Cremos que é unha moi boa oportunidade para os alumnos da zona que queiran estudar unha materia relacionada coa electromecánica da maquinaria”.
O director do CIFP Porta da Auga subliña que “temos outro ciclo de Carrozaría, no que estamos notando unha tendencia á baixa na matrícula e sen embargo hai unha tendencia á alta na solicitude por parte dos talleres da comarca de profesionais dese sector. Entón tamén queríamos facer fincapé nesta oferta educativa de Carrozaría, ou chapa e pintura, que é como se coñece máis. Soamente se oferta, en toda a provincia de Lugo, no CIFP As Mercedes da capital de Lugo e no CIFP Porta da Auga de Ribadeo. Así que animamos aos posibles alumnos que queiran cursar eses estudos de Carrozaría, ou de chapa e pintura do vehículo, a que veñan polo Porta da Auga a matricularse”.
Isidro Berdeal engade que “no resto da oferta educativa mantemos a mesma doutros cursos, tanto en ciclos medios como superiores, tendo ciclos tanto en distancia, como en dual, modular e ordinaria, que é o máis coñecido, de asistir cinco días á semana de oito e media da mañá a tres da tarde en horario escolar habitual”.
Berdeal sinala que “aproveitando tamén este período extraordinario de matrícula ábrese o prazo de matriculación para os alumnos de Formación Profesional Básica, que son alumnos que non teñen rematada a ESO por distintos motivos, ben sexa por dificultades académicas ou porque as familias ou os alumnos deciden seguir outra vía formativa como son os ciclos de Formación Profesional. Tamén temos aberta a matrícula para este alumnado e os prazos son os mesmos que os da extraordinaria de admisión. En canto aos ciclos de grao medio temos actualmente, na oferta educativa do centro, o ciclo de Atención a Persoas en situación de dependencia, de Instalacións Eléctricas e Automáticas, de Carrozaría, de Xestión Administrativa, e de Electromecánica de Vehículos e Automóbiles”.
O director do centro ribadense di tamén: “temos ademais en oferta modular, en adultos, Obras de Interior, Decoración e Rehabilitación, Xestión Administrativa en modular a distancia e Electromecánica de Maquinaria en dual. En canto a ciclos formativos de grao superior seguimos ofertando, como anteriormente, Educación Infantil, Automoción, Administración e Finanzas, e Sistemas Electrotécnicos e Automatizados en oferta modular, tamén en horario de tarde, en horario de adultos”.

Exit mobile version