Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela realizará obras de mellora no parque de Suafonte, que sofrirá unha transformación importante e profunda, segundo subliña nesta xornada o Alcalde, Alfredo Llano. O investimento ascenderá a 60.000 euros

Burela, 26 de setembro de 2018. O Concello realizará obras de mellora no parque de Suafonte, que suporán un investimento de 60.000 euros. Os traballos xa están licitados e o alcalde, Alfredo Llano, espera que estean rematadas antes de finalizar o ano.
O rexedor declarou que “unha das intencións claras do noso equipo de goberno é favorecer que as prazas, os parques e os sitios públicos sexan moi atractivos para os nosos veciños e que poidan ser empregados na súa totalidade con todas as garantías, e que teñan as máximas novidades e presten aquel servizo para motivar que salgan as familias cos nenos e nenas a disfrutar do que poidan atoparse por Burela”.
Alfredo Llano lembrou que “xa fixemos varias actuacións no parque Rosalía de Castro, no parque do Hospital e agora mesmo imos transformar bastante o de Suafonte. Ese parque, que está situado nesa rúa e que é o miradoiro perfecto para o porto. Ademais é unha zona extraordinaria e tranquila á que poden ir moito os nenos a disfrutar dese parque. Vaise dar unha transformación bastante profunda. Vai quedar moi adecuado aos tempos actuais, cunha fonte que creo que vai chamar moito a atención, e preparado para que sexa utilizado. Agora mesmo é moi empregado, pero queremos que estea alí sempre moita xente. Xa está licitado, agora falta arranxar o papeleo para que se poida inmediatamente empezar a obra, e a ver se rematamos antes de finalizar o ano”.
Nova escola infantil
Por outra parte, Alfredo Llano estivo onte en Santiago con responsables do Consorcio de Igualdade e Benestar, aproveitando a súa asistencia ao III Foro Xantar na Casa, “para falarlles un pouco da nova escola infantil de Burela que necesita unha revisión xa, sobre todo no sistema de calefacción, que é algo que está estropeado cando practicamente nin se utilizou. Nosoutros imos colaborar co Consorcio, pero deben ser eles os que amañen esta peza importantísima do sistema de calefacción, para que poida estar en funcionamento cando se necesite. Igual non se tarda moito en ter a necesidade de conectar a calefacción para quentar as diferentes aulas desa escola infantil e por iso é importante que isto se arranxe canto antes. Esperemos que en pouco tempo se leven adiante eses arranxos para que sexa satisfactorio permanecer alí. Tamén fixemos unha revisión das previsións das prazas e vemos que en Burela quedaron aproximadamente doce nenos sen escolarizar na escola infantil, aínda que se está tratando que dunha maneira ou doutra se poidan incorporar, pero non é tan doado”.
Convenio coa Deputación de Lugo
O alcalde de Burela mantivo estes días unha reunión co presidente da Deputación, Darío Campos, “co propósito de asinar un convenio de colaboración coa Fundación Expomar. Este convenio pasa a ser nominativo, xa tíñamos falado del para asegurar un mínimo de colaboración da Deputación destinada aos eventos que Expomar organiza anualmente. Cada dous anos é a feira exposición con maquinaria, utensilios e todo aquilo que conleva as melloras tecnolóxicas e de prestacións para os barcos, e ao outro ano a desenvólvense soamente as xornadas técnicas e os encontros empresariais. Imos facer un convenio, que penso que é bo para a Fundación Expomar, cunha axuda nominativa anual de 5.000 euros”.

Exit mobile version