Tal e como explicaron, eses días recibirán a visita de 18 alumnos e 14 docentes, procedentes de 6 centros de diferentes países europeos –Polonia, Portugal, Grecia, Turquía, Lituania e Romanía- que participan, co CEIP de Cervo, neste proxecto que ten unha duración de dous anos. De feito, o pasado mes de maio varios alumnos e alumnas do colexio local xa tiveron a oportunidade de viaxar a Grecia, e compartir experiencias con outros mozos e mozas da súa idade.
O alumnado visitante e os/as docentes que os/as acompañan serán recibidos na Casa do Concello o luns 22 de outubro, tal e como acordaron na reunión; e tamén se programarán diferentes excursións e actividades lúdico-culturais “que contarán con toda o apoio, implicación e colaboración do Concello –apuntou Villares- “porque estamos convencidos de que este proxecto é moi beneficioso para o desenvolvemento persoal dos rapaces e rapazas, que toman contacto así con diferentes idiomas e culturas, convivindo con nenos e nenas doutros países”. Temos que felicitar –precisou- “ao profesorado por terse adherido a este programa, apostando pola internacionalización da educación”.
Así mesmo, o rexedor tamén quixo felicitar ao CEIP de Cervo por ser un dos centros preseleccionados para participar na semana STEM, promovida pola Xunta de Galicia, que naceu co obxectivo de fomentar o espírito científico e tecnolóxico do alumnado; as actividades terán lugar nos meses de outubro, novembro e decembro, en función das quendas, en réxime de internado.