Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz asinou un convenio de adhesión á axencia de protección da legalidade urbanística co que delega as competencias neste ámbito nos núcleos rurais do municipio

Foz, 26 de setembro de 2018. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, asinou hoxe na Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio un convenio de adhesión á Axencia para a Legalidade Urbanística (APLU) co que o Concello delega nese organismo as competencias nesta materia nos núcleos rurais do municipio.
O rexedor focense anunciou: “no día de hoxe vimos de firmar un documento importante para o Concello de Foz, que é un convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, concretamente na Consellería de Medio Ambiente e de Ordenación do Territorio”.
Javier Jorge Castiñeira explicou que “con este convenio delegamos as competencias de inspección, supervisión sanción e restablecemento da legalidade en solo de núcleo rural, co obxectivo claro de ter un urbanismo sustentable non só no núcleo urbano senón tamén nos núcleos rurais”.
O alcalde salientou que “hai uns días deuse un paso moi importante coa aprobación definitiva do Plan Xeral e a partir de hoxe imos ter moitos máis medios, seguridade xurídica, tanto nos procedementos como nos protocolos, e sobre todo moita maior obxectividade para certos problemas que hai na legalidade urbanística, concretamente nos núcleos rurais”.
Javier Castiñeira engadiu: “temos claro que os núcleos rurais son pezas urbanas fundamentais no noso concello, que queremos que cada vez sexan máis atractivas para seguir poboando o noso medio rural e para elo necesítase un orde e medios para pode restablecer ese ordenamento”.
O rexedor subliñou que “estamos dando pasos moi importantes neste sentido no noso concello. A aprobación do Plan Xeral é un paso moi grande e esta firma do convenio que garante a inspección da legalidade nos núcleos rurais tamén, pero ademais hai que recordar que hai uns meses vimos de aprobar un documento fundamental, que é o inventario de camiños públicos, que non existía, e no próximo pleno, este xoves, irá o inventario de bens públicos. Son catro ferramentas fundamentais para que o concello de Foz siga dando pasos importantes co obxectivo de ser un concello urbanísticamente sustentable e seguro e que dea confianza tanto aos veciños como a todas aquelas persoas que decidan no futuro investir no noso concello ou ser veciños do municipio de Foz”.
Castiñeira manifestou tamén: “estamos contentos por dar este paso e quero facer público o agradecemento aos técnicos da APLU e da Consellería por brindarnos esta posibilidade”.

Exit mobile version