Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo investirá 130.000 euros na impermeabilización e a mellora da imaxe do cemiterio municipal

Mondoñedo, 8 de setembro de 2018.- O Concello de Mondoñedo investirá 130.414,26 euros nas obras de impermeabilización e mellora da imaxe exterior do cemiterio municipal.

Esta intervención promovida polo Concello pretende dar resposta á “inmediata necesidade de impermeabilizar un total de 400 nichos do cemiterio novo de Vilaverde fronte ás filtracións da auga da choiva que os están a afectar. Deste xeito, veranse beneficiados arredor de 150 titulares que teñen un ou varios en propiedade”, manifesta a alcaldesa, Elena Candia. A popular puntualiza que “tamén se revisará o tellado do resto dos nichos para reparar o seu estado no caso de que sexa necesario”.

A obra, que sairá a licitación esta vindeira semana, requirirá actuacións previas de limpeza da fachada, retirada de cerámicas, saneado de gretas e repicado de enfoscados nos muros. Tamén se intervirá no pechamento exterior a través do seu revestimento con cemento impermeable á auga da choiva; rehabilitaranse os tellados, colocaranse cazoletas e baixantes na cuberta axardinada e aplicarase pintura e revestimento de poliuretano no acabado exterior. A execución destas melloras está prevista para o último trimestre deste ano.

Candia engade que “esta intervención ten como obxectivo a mellora da imaxe exterior do cemiterio toda vez que se atopa no Camiño Norte de Santiago”.

Iniciativas para conservar, mellorar e embelecer
Esta obra enmárcase no programa de axudas da Xunta dirixido a embelecer, conservar ou mellorar recursos turísticos ou do Camiño de Santiago. De feito, o Concello de Mondoñedo participa nos Premios Galicia Parabéns, un recoñecemento institucional e social que se traduce en axudas económicas para conservar, mellorar e embelecer paisaxes e cidades.

O Goberno local traballa na promoción deste tipo de iniciativas en consonancia co recoñecemento de Mondoñedo como un dos ‘Pueblos más bonitos de España’.

Exit mobile version