O edil de Deportes manifestou que “o Club de Remo nos está acostumando tan mal que o ano pasado vos botamos de menos neste salón de plenos, aínda que fose polos pelos con ese cuarto posto do scull das rapazas e o quinto posto de Miguel. Este acto é para recoñecer a medalla de bronce de María e de Nerea, obviamente hoxe as protagonistas deben ser elas, pero a nós nos gustaría facer extensivo esta homenaxe a todo o club, a todas as remeiras e remeiros, ao corpo técnico e á directiva. Nestes anos que leva o club funcionando estades sendo un exemplo de traballo, de actitude e de superación. Estades conseguindo non só devolver ao Club de Remo ao lugar de onde nunca debeu irse, senón que estades superando todas as expectativas. A día de hoxe, eu penso que o teito deste Club de Remo ides poñelo vos onde queirades”.
David Rivas dixo: “eu sei que no remo poucas veces as casualidades ou a sorte xogan a favor. O traballo, o sacrificio, as horas de adestramento e os madrugóns que facedes para facer coincidir eses adestramentos de auga coas mareas, é o que trouxo a María e a Nerea hoxe aquí, e ese é o motivo polo que vos respectamos tanto e polo que vos admiramos tanto a vosoutras como ao resto de deportistas deste club”.
O concelleiro ribadense engadiu: “agardamos poder facervos un pouco máis levadeiro todo ese traballo coas obras que por fin están a punto de empezar para dotar á Casa das Algas duns vestiarios como é debido, porque en pleno século XXI era un pouco inhumano que tivésedes que adestrar en inverno ata ás dez e pico da noite e non tivésedes unha triste ducha de auga quente. Iso agora por fin se vai solucionar, e agardemos que este inverno xa esteades disfrutando dese servizo, que non é ningún favor, senón que é de xustiza. A día de hoxe non poderiades estar sen el”.
David Rivas seguiu a sinalar: “o retraso dese acto, que vai con dous meses de atraso respecto a cando gañastes a medalla, responde a que como Nerea nos está acabando con todas as existencias de modelos de trofeos que temos no Concello para este tipo de eventos, quixemos telo en conta e encargar un modelo novo e, entre que o facían, foise dilatando e estamos a mediados de setembro facendo unha recepción que tíñamos que ter feito moito antes. Pero agardamos que vos guste o detalle e que saibades que o facemos con todo o cariño, respecto e admiración que vos temos de verdade”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Mari Luz Álvarez Lastra, declarou que “sempre digo o mesmo, no senso de que son muller e nai, e para min é un dobre orgullo poder recibir un ano máis a estas rapazas que representan ao noso concello alí onde van. Ver tamén toda esa canteira que está detrás, outras que xa conseguiron premios noutros momentos, co gran sacrificio que teñen”.
A edil nacionalista subliñou que “ademais de ter que remar cando está a marea, teñen que estudar, teñen que saír e ter as súas relacións. Iso na idade na que están é algo que lles costa, pero que elas fan con sacrificio. Polo tanto é moi merecido ese premio e ese gran esforzo. Animalas a que sigan traballando e colleitando éxitos. Desde o Concello de Ribadeo e desde a área de Igualdade, que eu levo, é un orgullo tervos e que representedes ao noso concello. Esperamos cada ano poder darvos un agasallo desde o Concello, que teremos que ir renovando, pero eu creo que a demora nunca é tarde cando se fai e cando se agradece. Moitas grazas e a seguir traballando con ese tesón e ese esforzo e tamén ás familias, que son unha parte moi importante dos vosos logros e os vosos compañeiros que vos apoian incondicionalmente. A máis sincera noraboa e un orgullo moi grande para o concello tervos e que nos representedes”.
No acto celebrado no salón de plenos do Concello tamén participou o técnico de Deportes, Iván López. A carón das homenaxeadas estiveron as súas familias e compañeiras e compañeiros do Club de Remo de Ribadeo.