Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo saca a licitación unha obra de saneamento na parroquia de Piñeira. O orzamento ascende a 102.000 euros e o prazo de execución é de tres meses

Ribadeo, 27 de setembro de 2018. O Concello sacou a licitación unha obra de saneamento e conexión coa rede xeral na parroquia de Piñeira. O orzamento ascende a 102.000 euros e o prazo de execución é de tres meses. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas poden facelo ata o vindeiro 17 de outubro. Os traballos son cofinanciados polo Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo.
O alcalde, Fernando Suárez, declarou que “desde o Concello de Ribadeo seguimos traballando polas parroquias. Se nestes días falábamos de aglomerado asfáltico en moitos dos viarios do concello, hoxe queremos falar de saneamento e oxalá puidera ser en máis cantidade e con máis frecuencia. Pero hai que ter en conta que quen cobra o canon de saneamento é a Xunta de Galicia a todos nós, a todos os que temos auga da traída e pagamos polo saneamento, e en Ribadeo cada ano son 200.000 euros que todos os veciños e veciñas temos que remitir á Xunta de Galicia sen que esta nos devolva nada ou practicamente nada de todo isto, 200.000 euros en auga e 200.000 euros en saneamento”.
O rexedor ribadense dixo que “pero a pesares de que a Xunta de Galicia aquí, de momento nestes tres anos, ao único que ven practicamente é a misas, a pinchos, a entregar medallas e pouco máis. Non sei si agora como queda pouco para as eleccións empezarán con anuncios rimbombantes, nosoutros seguimos traballando coa administración que si nos vota unha man, que é a Deputación de Lugo”.
Fernando Suárez anunciou que “hoxe colgamos no páxina web do Concello de Ribadeo, no perfil do contratante, e na plataforma de contratos do Estado, unha obra de saneamento en Piñeira, concretamente o saneamento e conexión coa rede xeral dos núcleos de Morgullón, de Eirexa e de Barreiro”.
O alcalde explica que “en total son 742 metros lineais, con tubaxe entre 250 mm e 110 mm, cun prazo de execución do contrato de tres meses e cun orzamento de 102.866 euros. Polo tanto todas aquelas empresas que poidan puxar por esta obra que saiban que teñen vinte días naturais. O prazo para que presenten as ofertas remata o 17 de outubro, e esperemos que haxa concorrencia, que canta máis concorrencia mellor é”.

Exit mobile version