Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro foi invitado a asistir ao I Foro Europeo Internacional sobre Celebración de Semana Santa e Pasión, celebrado en Lucena, Córdoba, a pasada semana

Viveiro 20-9-18. O Concello de Viveiro foi invitado a asistir ao I Foro Europeo Internacional sobre Celebración de Semana Santa e Pasión, celebrado en Lucena, Córdoba, a pasada semana. Ao longo dos dous días de duración tiveron lugar diversas charlas e ponencias, visitas e unha presentación de sete das Semanas Santas participantes, entre elas, a de Viveiro. Durante esta intervención, o Tenente de Alcalde Jesús Fernández Fernández deu a coñecer a comarca da Mariña e o noso concello, facendo referencia aos principais recursos turísticos e ao gran patrimonio existente, tanto civil como relixioso. A continuación, presentou a Semana Santa de Viveiro facendo referencia a súa orixe e idiosincrasia, explicando as razóns que a fan diferente e merecedora da distinción de Festa de Interese Turístico Internacional. A presentación concluíu coa proxección dun vídeo no que, entre outras cuestións, chamou a atención de forma especial o Encontro do Venres Santo e o Desencravo, polas imaxes articuladas e o realismo que estas lle confiren a ambos actos. En xeral, para os asistentes foi unha sorpresa descubrir que tan ao norte tiveramos unha Semana Santa tan bonita, con pasos tan grandes e tan antiga, á vangarda nas novas tecnoloxías e á altura de todas as presentes, que só no caso de Lorca, Orihuela, Granada e Viveiro contan co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional. Neste sentido, cómpre destacar a labor desenvolta nos últimos 15 anos polo Concello de Viveiro, pola Xunta de Cofradías e por cada unha das cofradías e irmandades que a integran, que lle deu un maior impulso á Semana Santa de Viveiro para acadar estas cotas.

Durante o desenvolvemento do foro, ademais, explicouse aos presentes o proxecto que a Asociación para el Desarrollo Turístico de la Ruta Caminos de Pasión pretende levar a cabo para crear un Itinerario Cultural Europeo vinculado á Semana Santa. Neste sentido, cómpre explica que “Caminos de Pasión” é unha iniciativa turística que compoñen dez municipios do centro xeográfico de Andalucía: Alcalá la Real (Jaén); Baena, Cabra, Lucena, Priego de Córdoba e Puente Genil (Córdoba); e Carmona, Écija, Osuna e Utrera (Sevilla); trátase dunha asociación que naceu en 2002 como froito da unión destes municipios cun elemento en común: una Semana Santa declarada Fiesta de Interés Turístico de Andalucía. A Semana Santa é o fio condutor para articular un producto de carácter cultural e etnográfico en torno ao seu patrimonio, gastronomía, festas, tradicións e artesanía.

Partindo disto, “Caminos de Pasión” iniciou unha rolda de contactos coas principais cidades nas que existen celebracións de Semana Santa cun impacto cultural e turístico reseñable, co obxectivo de construír unha gran rede organizada e orientada á promoción do turismo cultural a partir das expresións culturais e relixiosas q nos unen.

No foro explicouse que a idea é crear unha asociación para tramitar conxuntamente ante o Consello de Europa o expediente correspondente para a creación do primeiro Itinerario Cultural Europeo sobre Semana Santa e Pasión. O Programa dos Itinerarios Culturais foi lanzado polo Consello de Europa en 1987 coa declaración de Santiago de Compostela; actualmente, hai máis de 30 itinerarios culturais que abranguen unha ampla gama de temas (arquitectura, paisaxe, gastronomia, patrimonio inmaterial, arte, música…) e que supoñen unha garantía de excelencia.

Para obter esta certificación, o Consello de Europa esixe unha serie de condicionantes; unha destas premisas establece que no proxecto deben participar, como mínimo, tres países distintos. Neste caso, ao foro foron convocados representantes de celebracións de Semana Santa e Paixón de cinco países: Eslovenia, Malta, Italia, Portugal e España. Facilitouse un borrador dos estatutos da asociación que se pretende crear e un borrador da acta de constitución, que terían que aprobar os plenos de cada dun dos concellos. A esta asociación poderían unirse outro tipo de agrupacións de calquera punto de Europa -en Viveiro, por exemplo, podería integrarse a Xunta de Cofradías ou calquera unha das cofradías existentes- para, posteriormente, tramitar este proxecto de forma común. A creación dun Itinerario Cultural Europeo da Semana Santa e a Paixón permitiría obter fondos europeos para realizar diversos proxectos, como poden ser áreas de interpretación, redes museísticas, etc.

En definitiva, a asistencia do concello a este foro internacional sobre a celebración de Semana Santa e Paixón serviu como punto de encontro para relacionar e compartir experiencias e, así mesmo, para establecer as bases dunha asociación internacional que nace coa vontade de traballar para conseguir a creación dun Itinerario Cultural Europeo de Semana Santa no que Viveiro quere estar presente.

Exit mobile version