Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno de Lourenzá baralla a posibilidade de modificar o horario dos Plenos para que o programa Costa Viva, da COPE, se emita en directo desde o consistorio laurentino

Visto o interese que os Plenos do Concello de Lourenzá espertan na locutora da COPE, Dona Juana Carrera, o equipo de goberno está estudando a posibilidade de modificar os horarios dos Plenos e celebralos ás 13 horas, coa finalidade de que o programa Costa Viva se poida emitir en directo desde o Salón de Plenos do consistorio laurentino.
O equipo de goberno agradece todos os consellos que a Sra. Carrera lles adica a través das ondas da emisora dos bispos, xa que en directo nin se molesta en saudalos nin en dirixirlles a palabra. De todos os consellos o que máis lles sorprende é o de que lle poñan unhas velas ao Conde Santo. Debe ser froito dos exercicios espirituais que seguramente realiza en tan católica emisora.
Está moi preocupada a Sra. Carrera pola candidatura socialista e polos próximas eleccións municipais. Pode estar tranquila, os socialistas laurentinos teñen canteira e fichaxes suficientes para presentar a mellor candidatura nas próximas eleccións, que por suposto encabezará unha vez máis a nosa alcaldesa.
É algo habitual que en datas próximas, anteriores e posteriores, á celebración da Festa da Faba, o PP laurentino se empeñe en embarrar e desprestixiar a celebración deste evento, intentando contrarrestar o éxito que ano tras ano ten esta festa que exalta a nosa afamada leguminosa.
Intentou, sen éxito, a Sra. Álvarez no último Pleno volver a xerar polémica coa xa superada dimisión do ex concelleiro de obras. Vese que non ten moitos temas que criticar do labor do goberno socialista.
Acusa a Sra. Álvarez nunha nota de prensa de que o Concello pagou unhas comidas sen factura. Sabe a voceira popular que iso sería un grave delito e que a súa obriga como concelleira da oposición é presentar unha denuncia. Por que non o fai? Será porque minte descaradamente?
Di a Sra. Carrera que os Plenos en Lourenzá son pouco produtivos. Por que non anima á oposición a traballar, a presentar mocións, facendo aportacións positivas que redunden en beneficio dos veciños e veciñas do concello?
O que queda claro para o equipo de goberno é que a Sra. Álvarez ten ultimamente moitos frontes abertos e non ten tempo para facer unha oposición seria e ten que apoiarse tanto no “compañeiro” nacionalista (así é como ela o nomea) como na sagaz reporteira da Conferencia Episcopal.

Equipo de goberno de Lourenzá

Exit mobile version