Site icon Crónica3.com A Mariña

O INSS obtén a autorización do Concello para construir a nova sede da Seguridade Social en Viveiro

Viveiro, 24 de setembro de 2018.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que o Instituto Nacional da Seguridade Social xa dispón do permiso do Concello de Viveiro para construir o edificio que albergará a súa nova sede nesta vila mariñán.
A subdelegada do Goberno explicou que a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, vén de comunicarlle que a Xunta de Goberno Local aprobou na xuntanza que celebrou este luns a licenza municipal para a construcción da nova sede do INSS de Viveiro.
“A concesión da licenza municipal é unha moi boa noticia que nos permitirá poñer en marcha os trámites para a contratación das obras de construcción das novas dependencias nas que disporemos dos espazos necesarios para dar unha boa atención aos cidadáns”, declarou Isabel Rodríguez.
A subdelegada tamén anunciou que nas próximas semanas presentarase o proxecto para a nova sede do INSS de Viveiro.
O edificio do Centro de Atención e Información da Seguridade Social de Viveiro construirase nun solar situado na avenida de Ramón Canosa, 6, fronte ao porto. A parcela na que se levantará o CAISS, de case 1.500 metros cadrados, é propiedade do INSS e está situada nunha zona na que xa hai distintas dotacións públicas como a Comisaría de Policía e o servizo de Correos.

Exit mobile version