Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela esixe ao alcalde que lle demande á empresa do lixo que teña a plantilla cuberta ao 100% e cumpra o prego e o contrato

Burela, 26 de setembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular de Burela afirma que “a situación da limpeza viaria no noso concello é manifestamente mellorable, como o vimos denunciando nas últimas semanas co inexistente desbroce en espazos públicos e de usos de peóns, e zonas moi transitadas, ou a deficiente recollida de lixo en barrios do municipio”.

A isto, súmase que a empresa adxudicataria non está cumprindo co estipulado no prego de condicións e no contrato do servizo, xa que en numerosas ocasións non se cubren as baixas nin as vacacións do persoal. De feito, a semana pasada había tres traballores de baixa e outros dous de vacacións e ningún dos cinco postos de traballo estaba cuberto.

Os populares presentarán unha moción para ser debatida no Pleno deste xoves, día 27, na que solicitan de forma explícita que o socialista demande, por escrito, da empresa concesionaria da recollida de lixo e limpeza viaria o cumprimento estricto do prego de condicións e do contrato de adxudicación do servizo, comezando pola cobertura da totalidade e en todo momento dos postos de traballo. No caso de non producirse tal cobertura de postos de traballo, e/ou reiterarse as situacións manifestadas, o alcalde debería denunciar o contrato seguindo o estipulado no prego de condicións e contrato pertinentes.

Para este Grupo Municipal “se non se cubren os postos de traballo é imposible cumprir axeitadamente co servizo. E de aí que a limpeza viaria sexa a día de hoxe moi deficiente: rúas e beirarrúas sen barrer, baldeo das mesmas e contedores de lixo sen facer, desbroces esquecidos, recollida do papel e cartón porta a porta inexistente, etc”.

Para os populares esta situación é “intolerable”, sobre todo, porque o rexedor e o seu tenente de alcalde “fartáronse de dicirnos, cando se fixo o cambio a empresa adxudicataria, que se ía mellorar enormemente, que se ían aumentar os postos de traballo… Pois ben, nada disto temos visto e, por riba en moitas ocasións, non se cubren as baixas, nin as vacacións. A situación actual da limpeza viaria en Burela dista moito de ser a prometida polos dirixentes actuais. É dicir, unha situación impresentable”, insisten.

Un servizo máis caro
Por iso, dende o Grupo Municipal agardan que o alcalde recoñeza a situación, e que actúe, para non prexudicar aos veciños, “pois, ademais estamos pagando máis do que nos custaba a empresa anterior, e a melloría é igual a cero. Coa anterior empresa, o prezo/ano era de 646.167 €, e coa actual é de 719.786 €/ano. Polo tanto, o servizo sae 73.618 €/ano máis caro, que pagamos entre todos os cidadáns”.

Exit mobile version