Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo solicita ao Concello que arranxe as rúas nos barrios de A Pega e A Graña tras escoitar as queixas dun grupo de veciños desa zona

Ribadeo, 25 de setembro de 2018. O Partido Popular de Ribadeo traslada as queixas dun grupo de veciños polo mal estado no que se atopan as rúas nos barrios ribadenses de A Pega e A Graña, xa que están cheas de fochancas, non teñen beirarrúas e nin sequera están correctamente denominadas, o que xera moitos problemas os residentes nesta zona de Ribadeo.
O portavoz do PP no Concello ribadense, Jesús López Penabad, manifestou hoxe: “desde o Partido Popular de Ribadeo, facéndonos eco dunha demanda veciñal realizada xa no propio Concello hai tempo, temos que denunciar o mal estado no que se atopan os barrios de A Pega, A Graña e toda aquela zona en xeral”.
Jesús López Penabad explica que “é unha zona residencial de vivenda unifamiliar e hai unha pista feita de cando a concentración parcelaria cun rego asfáltico por enriba. Pero a ese pavimento, despois de vinte anos nalgún caso e trinta noutros, non se lle volveu facer ningunha reparación en condicións. Tan só se tapou algún bache. Só hai que pasar por alí para comprobar a cantidade de baches e o estado lamentable no que se atopa aquel barrio. Ademais non teñen beirarrúas, aínda que hai moitas vivendas unifamiliares. É unha zona urbana pero ten pouca pinta diso”.
O voceiro popular engade que “as rúas non están sinalizadas, hai duplicidades nas direccións, o que supón gran problema para os veciños desa zona. Pedimos ao Concello que axilice isto, haberá que delimitar as rúas, numeralas e arranxar esas rúas porque fai moita falta. Falouse co Concello e o goberno local di que ata dentro de dous anos non se lle pode tocar. É unha zona moi preto do casco urbano de Ribadeo, cara a Ove, onde están os colexios”.
López Penabad declara que os gobernantes municipais “están anunciando que van investir máis de 150.000 euros en arranxo de estradas e pedímoslles que se acorden destas zonas de Ribadeo que están tan abandonadas. É unha demanda dos veciños, cos que tivemos unha xuntanza, e queremos trasladalo para que o goberno municipal faga algo. Tanto que presumen de que teñen Ribadeo bonito que se dean unha volta por alí e verán no estado no que se atopa esta zona de A Pega e A Graña”.

Exit mobile version