Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo insta ao Concello a pedir á Valedora do Pobo que garanta os dereitos dos traballadores de Sargadelos

Cervo, 19 de xuño de 2018.- O voceiro do PSOE en Cervo, Francisco Mon Fernández, explicou que o grupo municipal socialista insta ao Concello a pedir que a Valedora do Pobo, Milagros Otero, vixíe as irregularidades laborais que se están a producir no conflito de Sargadelos. Así o farán presentando unha moción ao Pleno para que o rexedor municipal solicite a axuda de Otero, como garante dos dereitos dos traballadores desta emblemática empresa.

Os socialistas destacaron que “mañá xoves, a Valedora do Pobo estará no Concello de Cervo polo que cremos que é un bo momento para que o Alcalde recolla a petición que facemos os socialistas en nome da cidadanía para buscar protección ao desamparo existente nesta problemática entre traballadores e empresa”

“Visto que a propia Xunta de Galicia de Feijóo recoñeceu que non teñen ningún tipo de medida para facer fronte a este conflito, no que a dirección de Sargadelos chegou a despedir a decenas de traballadores, como se fosen moeda de cambio nun conflito totalmente surrealista; esperamos que a Valedora do Pobo, dentro da súa finalidade última de defensa da cidadanía galega, intente velar para que non se produzan atropellos nos dereitos dos traballadores”

“Para os veciños de Cervo non é un tema secundario, senón totalmente prioritario. Sargadelos é unha empresa que dá sustento a ducias de familias do noso municipio, por iso, se deben buscar solucións sensatas que permitan poñer fin a todo tipo de discrepancias, pero respectando sempre os dereitos dos traballadores e dos seus representantes”, explicou o voceiro.

Exit mobile version