Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE pide á Xunta formación xa para a Mariña e unha escola marítimo-pesqueira

Celeiro, 15 de setembro de 2018.- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, xunto á Vicesecretaria Xeral de Relacións Institucionais e Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, á Deputada Autonómica pola Provincia de Lugo, Patricia Otero, e outros compañeiros, esixiu este sábado á Xunta que de xeito inmediato poña en marcha na Mariña cursos de formación para os profesionais do sector da pesca, pois o Goberno galego do PP non oferta ningún na Comarca. Santos Ramos pediu ademais a creación na Mariña dunha escola marítimo-pesqueira, na que se oferten ciclos formativos de grao básico, medio, superior e FP.

O socialista explicou que “na Mariña sitúanse dous dos portos máis importantes de Galicia: o de Burela e o de Celeiro. O volume de negocio do sector pesqueiro da Mariña representa o 26% do total de Galicia. Máis do 21% das descargas en lonxa na Comunidade galega proveñen dos portos lucenses.”

“Xunto a estes datos oficiais, temos unha peculiaridade con respecto a outras provincias, que é que contamos cun maior número de buques de grandes dimensións. Preto do 18% dos barcos da Mariña están preparados para grandes tonelaxes. Os traballadores destas embarcacións requiren dunha formación específica coa que non contan na provincia, tendo que ir a centros da Coruña, Pontevedra e mesmo Gijón”.

Actualmente, a Xunta non ofrece na Mariña ningún curso de Certificados de Profesionalidade Marítimo-Pesqueira. As grandes embarcacións, necesitan, destacadamente, profesionais de Navegación e Pesca de Litoral, así como de Control de Maquinaria, entre outros.

“Comprobamos, ademais, que hai un grande problema co relevo xeracional no sector pesqueiro e que a demanda laboral de persoal con formación vai en aumento. Segundo datos oficiais, as profesións do mar sitúanse dentro das ocupacións de difícil cobertura”.

Desprezo do PP aos veciños da Mariña
“Polo tanto, non se está a aproveitar un verdadeiro nicho de emprego para a nosa provincia. O feito de que a Xunta non ofreza na Mariña ningún tipo de formación ao sector pesqueiro é un exemplo máis do desprezo do PP aos lucenses”.

Escasa formación na Coruña e Pontevedra
Na actualidade, toda a formación marítimo-pesqueira ofrécese en centros da Coruña e Pontevedra, que teñen listaxe de espera. Impártese en Culleredo, Bueu, Ribeira, Vigo e Ferrol. En Lugo 0.

Concretamente, as únicas escolas que prestan a formación de Navegación e Pesca de Litoral, e Mantemento e Control de Maquinaria son a ESCO Náutico-Pesqueira, de Ferrol; o IES Universidade Laboral de Culleredo, na Coruña; e a Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira, en Pontevedra. Estes centros contan cunha lista de espera de preto de 60 alumnos.

Desenvolvendo o proxecto do PSOE na provincia
A Executiva Provincial Socialista leva tempo traballando e analizando o sector pesqueiro xunto aos seus profesionais para detectar as súas necesidades de cara ao impulso dun dos sectores piares da economía da provincia. Santos Ramos agradeceu aos compañeiros da Mariña na Executiva a súa implicación neste traballo e, de xeito salientable, á Secretaria de Pesca, Arancha Incera”.

Exit mobile version