Site icon Crónica3.com A Mariña

O PXOM “Frankenstein”, para o BNG de Foz

Foz, 19 de setembro. Nova andanada de demagoxia e paripé no Concello de Foz. O traballo dos veciños no PXOM de Foz foi traizoado despois do pacto do alcalde do PP, delegado en exclusiva de Urbanismo, co PSOE e FPF. Aprobárase inicialmente despois de 11 anos de traballos co voto en contra do BNG polas múltiples irregularidades que inzaron e retrasaron o proxecto. Nisto tamén o PP non ten siquera pudor: con toda incoherencia bloqueara anos antes outros intentos; en 2015, todo foron présas. Este foi o modus operandi do PP, é xa un clásico: apurar os prazos e meter présa aos membros da oposición que se deixan para aprobalo (non atopará aí ao BNG). Lembremos que non quería que entrara en vigor a nova lexislación que seguro tumbaba o proxecto.

Os veciños presentaron alegacións en decembro de 2013 e nembargantes estas si tiveron que esperar. Foi como unha condea: 4 anos e 9 meses sen noticias, sen contestar oficialmente as alegacións. E o PP negándose a facer unha segunda exposición pública. Todo isto co aplauso dos concelleiros do PP, PSOE e FPF. Deron en menos de 9 meses por bo un PXOM no que das 599 alegacións presentadas polos veciños, foron rexeitadas total ou parcialmente 443, un 75%. O BNG xa advertira no seu día que, das rexeitadas polos técnicos, moitas foron amañadas de xeito paralegal entre os que aprobaron o PXOM nunha clara inxustiza (por moito que legal), que supón a indefensión de moitos veciños que non tiveron posibilidade destes arranxos non técnicos. Por riba, hai unha completa e escura (nunca feita pública) listaxe de novas modificacións por mor dos requerimentos feitos durante estes máis de dous anos por distintas administracións (Medio ambiente, Augas de Galiza e a propia Xunta) diante dos numerosísimos defectos de forma do documento completo. Un auténtico e xigantesco Frankenstein inzado de conflictos de intereses e comenencias, moi evidentes e vengonzantes.

Non contentos coa desfeita que suporá para moitos veciños o estado no que deixan as súas propiedades, o PXOM vai a estragar os petos dos veciños: no rural cargaralles a totalidade dos custos de urbanización ou reurbanización, abastecemento ou saneamento, ou dos sistemas xerais e das zonas verdes. O señor Feijoo e a señora Mato poden traer aquí a súa lamentable campaña de “Ruralízate” e dicirlle aos veciños que por riba da ausencia de infraestruturas (desfrutarían das vistas dende o Fiouco, ou seguía pechado?), da depauperación nos servizos de transportes (hai vías pero non trens), sanitarios (hai hospital pero sen persoal), e un longo etcétera, este plan para Foz non ten máis que apaños trapalleiros e interesados e na súa execución representa un saqueo ao conxunto dos veciños de Foz.

Atopámonos coa autocomplacencia e a euforia infantiloide de quen non ten a máis mínima consideración nin proxección da desfeita que vén de artellar. Choverán as denuncias e reclamacións cando os veciños por fin despois de case 5 anos de alegar podan ver o resultado destas componendas impresentables: para algúns será tarde. Despois da sobreactuación do PP que non ten a mínima vergonza co evidente, non temos máis que motivos de pésame, (outros, seguro, estarán quitando a calculadora e preparando os petos). O BNG quere e procurará sempre xustiza, un proxecto urbanístico sostible e racional, e non compadreo indecente entre amigotes. Malos tempos para os decentes.

Exit mobile version