Site icon Crónica3.com A Mariña

O Ribadeo Indiano esperta admiración no I Foro Internacional de Municipios Indianos, celebrado en Lloret de Mar

Ribadeo, 21 de setembro de 2018. O Concello e Acisa presentaron hoxe, no I Foro Internacional de Municipios Indianos que se celebra en Lloret de Mar, o Ribadeo Indiano nunha ponencia que tivo lugar este mediodía.
A concelleira de Turismo, Ana Martínez, na súa intervención manifestou que “foi un pracer estar durante estes dous días compartindo estas xornadas con todos vosoutros e con todas vosoutras. Para nosoutros é un descubrimento en moitos casos desa outra perspectiva dos indianos. O grupo de traballo que vimos desde Ribadeo está composto ademais pola técnica de Turismo e o vicepresidente e xerente de Acisa”.
A edil ribadense lembrou que “Ribadeo Indiano é un proxecto que nace non soamente desde o Concello senón que creemos que era fundamental e primordial contar coa sociedade e co tecido económico de Ribadeo, polo tanto no momento de presentar e proxectar a idea concluímos en ir xuntos e xerar un proxecto común”.
A concelleira declarou: “me gustaría dicir unha frase que resume ese sentimento galego, é que Galicia está e non está en Galicia. Hai que ter en conta que a maior cidade galega segue sendo Bos Aires, o maior cemiterio é o de Colón, na Habana, e a bandeira e o himno créanse na emigración. Polo tanto o concepto que temos os galegos coa emigración a América dista moito dun sentimento pexorativo e dun sentimento vinculado ao mercado de escravos ou a esta outra situación que tocamos aquí durante estes días”.
Ana Martínez fixo referencia a que “hai unha palabra moi galega que non ten tradución, non saberíamos nunca dicir a tradución literal do que é a morriña. É ese desasosego que sentimos os galegos cando estamos lonxe da nosa terra, é que a botamos de menos, e non sabemos como explicar nin definir esa sensación. Polo tanto eu creo que unha das cousas que definían aos nosos indianos, aos que se marcharon a facer as Américas e tiveron fortuna, foi ese sentimento de morriña, esa predisposición a seguir mantendo e querendo á súa terra dende lonxe. Eses benefactores nunca nos esqueceron, nunca esqueceron a súa terra de orixe, volvesen ou non volvesen. Creo que sempre esa sensación de prosperidade que tiveron e que querían para os que quedaron marcou o seu proxecto vital”.
A concelleira de Turismo fixo un repaso pola arquitectura indiana ribadense, algo que impresionou aos asistentes dado o estado de conservación que ten Ribadeo en comparación con outros lugares. Na presentación expúxose ademais o escenario onde se desenvolve o Ribadeo Indiano, nas súas rúas, decoracións diversas e a implicación da sociedade civil, do comercio e a hostalería para levar a cabo o evento xunto co Concello e Acisa.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, salientou desde Lloret de Mar que “ten moita importancia a implicación dos colaboradores, hostaleiros, comerciantes e os propios ribadenses á hora de celebrar cada edición desta festa. No programa de actividades de Ribadeo Indiano temos charlas, visitas guiadas, exposicións, rutas indianas, xincanas, a chegada ao porto dos indianos o primeiro día da festa, o mercado de ultramar, música e verbenas. Ademais hai que facer fincapé na implicación comercial e hostaleira, coa celebración de actividades complementarias como son as tapas e menús indianos”.
Tras a ponencia levouse a cabo un debate no que se constatou, entre os diferentes poñentes, a súa sorpresa ao ver o evento turístico que se realiza en Ribadeo para enxalzar o patrimonio e o legado indianos. A delegación ribadense recibiu por isto grandes eloxios e os asistentes chegaron a dicir que Ribadeo Indiano podería ser un referente non só en Galicia senón en todo o norte de España. Outro dos aspectos que chamou a atención foi a implicación da xente á hora de caracterizarse.
A delegación ribadense desprazada a Lloret de Mar retorna a Ribadeo con boas sensacións tras estas xornadas de traballo. Ata ese municipio catalán viaxaron o vicepresidente e o xerente de Acisa, Juan Antonio Fernández Andina e Jesús Pérez, así como a concelleira de Turismo e a técnica deste departamento, Ana Martínez e Begoña García, respectivamente.

Exit mobile version