Site icon Crónica3.com A Mariña

O XVIII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira converte Xermade no centro da tornería esta fin de semana

Xermade, 21 de setembro de 2018.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta mañá na inauguración do XVIII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebra en Xermade entre hoxe e o domingo. Esta iniciativa, organizada polo Concello de Xermade coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, permitirá poñer en valor o oficio do torneado de madeira así como contribuír ao intercambio de experiencias e ao desenvolvemento do sector grazas á participación de torneiros de recoñecido prestixio.

Durante toda a fin de semana, Xermade converterase no centro do torneado artesanal da madeira, onde cada ano acoden profesionais non só de toda Galicia senón do resto de España e de Europa. Esta nova edición ofreceralle aos profesionais e afeccionados do oficio un espazo no que poder expoñer, contrastar, aprender e interrelacionarse. No programa de actividades atópanse demostracións de profesionais de prestixio internacional como a francesa Elisabeth Mezières, especialista no torneado en verde de madeiras locais para conseguir efectos durante o secado das pezas; o británico Rod Page, especializado no torneado de pezas ocas; o madrileño Toni Porto, escultor vocacional da madeira; e Lolo Castro, mestre galego no traballo da llerga, unha ferramenta propia da zona que el mesmo forxa, tempera e afía.

O programa de actividades complétase coa exposición itinerante de madeira torneada CONtornos. Ademais, durante os tres días, os visitantes poderán ver unha mostra de pezas torneadas achegadas polos participantes, así como un espazo de venda de maquinaria, ferramentas e publicacións relacionadas co oficio. O XVIII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira celébrase no polideportivo municipal de Xermade en horario de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:30h o venres e o sábado, e de 10:30 a 13:00 h, o domingo. O programa completo pódese consultar na páxina web do evento.

Exit mobile version