Site icon Crónica3.com A Mariña

Os días 15 e 16 de setembro cita coa tradicional Romaría da Santa Eufemia no burgo de Trasbar (Cervo)

Trasbar, 10 de setembro de 2018.- Xa moi preto dos días da festa, os veciños de Trasbar traballan esta semana nos preparativos para a alfombra floral. Estarán todas as tardes, de luns a xoves, a partir das 17.00 h, no local social cortando no verde e tinguindo o sal e o serrín para confeccionar a alfombra.
Dende o colectivo veciñal, agradecen toda a axuda relacionada coa confección da alfombra: dende voluntarios para cortar o verde, para debuxala, para facela, como as achegas de flores para que isto sexa posible. “Toda aquela xente que nos queira axudar, tanto nos preparativos como na elaboración da alfombra, será ben recibida, xa que é moito o traballo que hai que facer”.
Programa
Os actos comezarán o sábado, ás oito da mañá, coa elaboración da alfombra floral. A misa será ás 13.30h, cantada polo coro de Cervo, a continuación procesión e ao remate, todos os devotos que queiran poden achegarse a poñer a Santa. A sesión vermú que virá de seguido correrá a cargo da orquestra Emperadores. Xa pola noite, as orquestras Emperadores e Dúo Epo-k serán as encargadas da verbena. Logo de rematar o baile, haberá caldo galego de balde.
O domingo a misa será ás 13.30h, cantada polo coro de Cervo, seguida da procesión e a sesión vermú a cargo do dúo Epo-k, dando por rematado así o programa festivo deste ano.

Exit mobile version